Medio Ambiente inicia hoxe a actuación de mellora da varanda existente na ou-536, no concello de Montederramo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), comeza mañá a actuación para mellorar a varanda existente nunha obra de paso da estrada OU-536, na zona de Vilariño Frío, no Concello de Montederramo.
Esta intervención contará cun investimento de, aproximadamente, 30.000 euros para reparar a forma de ancoraxe da varanda existente, posto que actualmente existe risco de derrubamento da mesma. A AXI prevé que as obras estean rematadas no mes de setembro, xa que estas contan cun prazo de execución de tres semanas
A reparación realizarase entre os puntos quilométricos 39+920 e 33+960 MD/ME da OU-536, albergando así unha lonxitude de 80 ml (40 ml a cada lado da ponte).
As obras previstas consistirán na retirada da varanda vella, do morteiro pobre ata chegar ao taboleiro da estrutura e na demolición da beirarrúa. Unha vez realizado isto procederase á colocación de bloques a modo de encofrado perdido, ao recheo con material competente e á compactación. Por último, colocarase a plaqueta e volverase por a varanda orixinal.
Rehabilitación do firme
Esta non é a única actuación que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas desenvolve nesta estrada, xa que no pasado mes comezou as obras para rehabilitar o firme da OU-536, desde Alto do Rodicio ata Sas de Penelas.
A Axencia Galega de Infraestruturas investiu máis de 355.000 euros nesta obra co fin de mellorar as características superficiais do treito, eliminar as fisuras e aumentar a adherencia da capa de rodadura, prolongando así a vida útil da infraestrutura.
Os traballos comprenden un treito de máis de 25 quilómetros, entre os puntos quilométricos 29+200 e 55+000 da estrada, aproximadamente, nos Concellos de Maceda, Montederramo, A Teixeira e Castro Caldelas.