Medio Ambiente destina máis de 100.000 euros en axudas para paliar os danos producidos polo lobo en Galicia neste ano

Ataque de lobo a oveja reciente en las montañas cercanas de CyL

Ataque de lobo a oveja reciente en las montañas cercanas de CyL

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo para o ano 2015.

A dotación orzamentaria para esta liña de axudas ascende a 106.035 euros. O importe das axudas que corresponden ao suposto de morte establécese segundo un baremo en canto a especie, clase e idade; mentres que, no caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios.

Tendo en conta a información recollida sobre os ataques de lobos nos últimos anos, unha das novidades desta convocatoria é que se establece un incremento dun 30% cando afecte a explotacións dos concellos incluídos na zona 1 do Plan de xestión do lobo en Galicia, recollidos no anexo I da orde publicada hoxe. Trátase daquelas zonas nas que se prevén máis danos pola alta densidade de lobos e de abundancia de gando.

Con esta orde a Xunta pretende establecer unha liña de axudas de carácter compensatorio para axudar aos gandeiros que sofren danos nas súas cabanas. O importe e condicións das axudas foi consensuado no seu día, coas organizacións profesionais agrarias e o xeito no que se conformou esta liña de axudas ten tido ao largo destes últimos anos, unha moi boa acollida entre os gandeiros galegos.

O lobo é unha especie cunha poboación importante na comunidade galega, que xunto con Asturias e Castela León contabilizan a práctica totalidade das poboacións deste cánido na península ibérica. A súa presenza é un expoñente salientable da diversidade e da calidade biolóxica dos montes galegos, polo que a Administración Galega traballa na defensa da especie e das súas poboacións.

Beneficiarios

Cómpre destacar que se poderán acoller a estas axudas os propietarios de gando ovino, porcino, vacún e equino (no que tamén entrarían o asno e o mulo) afectados por estes ataques. Porén, quedarán excluídos os propietarios de gando vacún leiteiro que teña nas últimas 3 convocatorias de axudas un número de animais mortos superior a 5, por entender que non se adoptaron medidas preventivas. En todo caso, o gando deberá pertencer a unha explotación incluída no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto.

Os danos producidos no período de vixencia da anterior liña de axudas, que non puideron ser atendidos no seu día por insuficiencia de crédito, serán abonados con carácter preferente.

Comunicación do dano

As axudas comprenden os danos producidos polo lobo dende o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015. No tocante á comunicación do suceso, nas 24 horas seguintes ao ataque, os propietarios das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mediante unha chamada ao 012, a través do que se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar a investigación dos axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Os feridos poderán ser atendidos polos veterinarios coa menor manipulación posible.

 

También te podría gustar...