Medio Ambiente destaca as boas condicións que ofrece Galicia para a observación do firmamento e avoga por procurar máis certificacións ‘Starlight’ para reforzar a oferta turística
A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, destacou hoxe que Galicia conta con “excelentes emprazamentos con ceos limpos, cunha magnífica calidade para a observación do firmamento” e avogou por procurar máis certificacións como “Destino Turístico Starlight” para reforzar a oferta turística da Comunidade.
Tellado clausurou o venres no Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, en Vigo, unha sesión sobre contaminación por luz e os seus impactos no medio ambiente, que se levou a cabo no marco do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) baixo o lema “Contaminación lumínica: unha nova fronteira”.
A directora de Conservación destacou a necesidade de incidir na concienciación cidadá sobre a importancia que ten este tipo de contaminación no medio e puxo como exemplo a declaración deste ano 2015 como Ano internacional da luz e das súas tecnoloxías pola Organización das Nacións Unidas, o que indica o crecente interese sobre o efecto da luz na vida cotiá e o progreso da humanidade, así como nos estreitos vínculos entre iluminación e desenvolvemento sustentable.
Segundo explicou, o concepto de contaminación lumínica e o estudo dos seus efectos foron aspectos pouco tratados ata datas moi recentes, e practicamente descoñecidos para a sociedade. Iniciativas como o Proxecto Starlight –creado no ano 2007 co apoio de varios organismos internacionais- contribuíron de xeito crucial a mudar esta situación, concienciando sobre a necesidade de preservar a calidade dos ceos nocturnos, como un recurso cultural, científico e ambiental de enorme importancia.
Verónica Tellado lembrou que, recentemente, o alto de Pena Trevinca en Ourense acadou a Certificación como “Destino Turístico Starlight”, a única en Galicia, e, na actualidade, o Parque Nacional das Illas Atlánticas confía en obtela proximamente.
Así mesmo remarcou que se está avaliando a posibilidade de que a estación de montaña de Manzaneda inicie o proceso, acreditando así que Galicia conta con excelentes emprazamentos con ceos limpos, cunha excelente calidade para a observación do firmamento que tamén pode supoñer un atractivo turístico sustentable que sume natureza, e a súa conservación, co desenvolvemento económico.
A participación nas xornadas Contaminación lumínica: unha nova fronteira, enmárcase nas actividades que desenvolve Illas Atlánticas co obxectivo de acadar a certificación Starlight. Trátase dunha iniciativa baseada no feito amplamente recoñecido de que a calidade do ceo nocturno e, por tanto o acceso á luz das estrelas, estase a deteriorar en moitas zonas, nas que a contemplación faise cada vez máis difícil, e que este proceso enfróntanos á perda xeralizada dun recurso cultural, científico e natural de gran importancia.