Medio Ambiente adxudica as obras de renovación da rede de abastecemento nas Vendas da Barreira, no Concello de Riós
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou as obras para a renovación da rede de abastecemento nas Vendas da Barreira, no Concello de Riós. Augas de Galicia, departamento da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, vén de resolver este contrato de obra pública, adxudicado por un importe de case 115.000 euros (114.837,06) á empresa Excavacións e Obras Candal, S.L. O seguinte paso é a sinatura do contrato, o que permitirá iniciar as obras de xeito inmediato.
As obras consistirán na renovación da rede de abastecemento, para o que se dividirá en dúas redes de distribución diferenciadas. A primeira discorre no lado oeste da autovía A-52, para o que se substituirá a actual rede por unha nova de polieteno nunha lonxitude total de máis dun quilómetro, en dous tramos diferenciados, un de case 450 metros e outro de 800 metros, ademais das válvulas necesarias.
A segunda das redes de distribución que se deseñaron neste proxecto de renovación instalarase na parte este do núcleo, ao longo dunha lonxitude de case medio quilómetro.
Os traballos rematarán coa reposición dos firmes afectados polas obras de renovación da rede de abastecemento proxectadas.