Medalla de Ouro da Provincia a «Los Suaves», informado o expediente de concesión
- A comisión de Cultura da Deputación informa do expediente de concesión da Medalla de Ouro da Provincia a «Los Suaves»
As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións onte mércores e hoxe no Pazo Provincial, xuntanzas nas que analizarán temas de cooperación, transparencia, cultura e economía. Mañá, xoves, a de Termalismo abordará a modificación dos estatutos do Consorcio de Augas de Valdeorras para a súa adaptación á Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, e na comisión de Cultura darase conta da incoación do expediente de concesión da medalla de ouro da provincia de Ourense aos integrantes do grupo musical «Los Suaves».
Asemade darase conta do acordo da Xunta de Goberno de aprobación da prestación dun servizo educativo de ensinanzas musicais de grao elemental, complementario do servizo municipal do Conservatorio de Xinzo de Limia, e fixación dos prezos públicos correspondentes ao dito servizo. Outro dos temas a tratar nesta comisión será a fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación Provincial. No relativo á comisión de Igualdade abordarase a moción do Grupo Socialista para pedir a derrogación da Lei 27/2013, do 27 de decembro ou no seu defecto a devolución ás entidades locais das competencias en materia de prestación de servizos sociais e promoción e reinserción social.
Onte, na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía tratarase o convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación pola Deputación Provincial do servizo de inspección dos tributos municipais. Os concellos adheridos a este convenio delegan no ente provincial as competencias de inspección de tributos nos ámbitos funcional, territorial e temporal. Outro dos temas a tratar será a adhesión dos concellos de Cartelle e Parada de Sil a dito convenio. Asemade nesta comisión abordarase o expediente de modificación das bases de execución do orzamento para o ano 2015 polo que se cambiaría a finalidade da subvención ao Concello de Montederramo para Obras complementarias na Residencia Centro de Día de Montederramo por importe de 75.000 euros debido á existencia de outra obra de maior prioridade.
No que respecta á comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordaranse as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o exercicio 2016, e na comisión de Transparencia e Administración Provincial tratarase a modificación da data de celebración das comisións informativas e do Pleno ordinario correspondentes ao mes de decembro de 2015.