Máximo histórico de viaxeiros, 1,7 millóns no primeiro semestre

  • Galicia rexistra o máximo histórico de 1,7 millóns de viaxeiros no primeiro semestre do ano superando aos anos xacobeos
  • A Comunidade rexistra 3 millóns de pernoitas, o que supón un incremento do 5,6% con relación ao mesmo período de 2015
  • O turismo internacional bateu un novo récord ao achegarse por primeira vez ao medio millón de viaxeiros e rexistrar 770.000 pernoitas

 

image_gallery (4)

 

No primeiro semestre de 2016, o Turismo en Galicia acadou un máximo histórico no número de viaxeiros aloxados nos establecementos galegos, superando aos anos xacobeos, e tamén os datos máis elevados dende 2010 no relativo ás pernoitas. Neste sentido, rexistráronse 1,7 millóns de viaxeiros aloxados que realizaron 3 millóns de pernoitas en establecementos hoteleiros, o que supón en ambos os dous casos un incremento do 5,6% con relación ao mesmo período do ano 2015. Así se desprende dos datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

É o terceiro ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira nos seis primeiros meses do ano acadando a Comunidade un máximo histórico de viaxeiros neste período e a cifra de pernoitas máis elevada desde o Xacobeo do ano 2010.

En termos de mercado, o turismo interno, representado polos residentes en Galicia, rexistrou un incremento do 1,9% nas súas pernoitas e do 6,5% na súa cifra de viaxeiros aloxados. Grazas a este crecemento o mercado interno acadou nestes seis primeiros meses de 2016 a cifra de pernoitas máis elevada dos últimos catro anos con preto de 870.000.

No que se refire ao turismo receptor nacional, Galicia incrementou as súas pernoitas nun 7,9% e os seus viaxeiros nun 5,7% acadando o nivel máis elevado dende o ano 2010. Pola súa parte, o turismo internacional superou nun 6% pernoitas e nun 4,6% os viaxeiros aloxados rexistrados neste período no pasado ano. Estes incrementos sitúan os niveis de demanda en preto de medio millón de viaxeiros e preto de 770.000 pernoitas, cifras que supoñen un máximo histórico en Galicia neste período xa que nunca antes Galicia se achegara ao medio millón de viaxeiros no primeiro semestre do ano.

Como consecuencia do incremento da demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en 1,35 puntos porcentuais, para situarse na porcentaxe máis elevada dos últimos seis anos.

Demanda hoteleira no mes de xuño

No pasado mes de xuño Galicia rexistrou 456.948 viaxeiros aloxados e 800.668 pernoitas nos establecementos hoteleiros da Comunidade, o que implica un incremento do 5% e 5,6%, respectivamente, en relación ao mesmo período do pasado ano.

Estes datos supoñen un récord e superan incluso aos datos rexistrados no mes de xuño do último Xacobeo de 2010, supoñendo un 20% máis no caso dos viaxeiros aloxados. En termos de volume, o incremento tradúcese en 21.923 novos viaxeiros e 42.299 novas pernoitas en comparación coas cifras rexistradas en xuño de 2015.

En termos de mercado, o turismo interno rexistrou un incremento do 6,7% na súa cifra de viaxeiros aloxados e do 2,7% nas súas pernoitas, mentres que o receptor nacional achega os niveis máis elevados dos últimos seis anos con incrementos do 7,3% nas súas pernoitas nun 4,7% no número de viaxeiros aloxados.

Pola súa parte, o mercado internacional superou nun 5,1% as pernoitas e nun 4,4% os viaxeiros rexistrados en xuño de 2015 acadando en 2016 máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados – con preto de 170.000- como de pernoitas –con preto de 250.000-.

En relación aos niveis de ocupación, o sector hoteleiro de Galicia mellorou no mes de xuño a cifra acadada en 2015 en 2,4 puntos porcentuais acadando o dato máis elevado dende o ano 2004.

O incremento dos niveis de demanda e ocupación neste mes de xuño, acontecida nun contexto de suba tamén dos prezos hoteleiros, ten como consecuencia que os establecementos hoteleiros de Galicia mellorasen os niveis de rendibilidade en relación ao mes de xuño de 2015. Así, o RevPAR –ingreso por habitación dispoñible- subiu un 9,3%.

Incremento peregrinos

Tamén no ámbito do Camiño de Santiago, a Comunidade está rexistrando neste ano importantes incrementos, acadando cifras históricas. En 2015 recibíronse 262.516 peregrinos, o que supuxo un máximo histórico nun ano non santo. Neste 2016 agárdanse uns resultados inda mellores xa que dende xaneiro xa se recibiron máis de 130.000 peregrinos, o que supón un incremento superior ao 7% con respecto ao mesmo período do ano pasado.

También te podría gustar...