Máscaras reutilizables e personalizadas no Virxe do Carme de Sober
- O Concello de Sober entrega máscaras reutilizables e personalizadas ao alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme
- O Concello colabora tamén co colexio no programa ‘Concilia’ e este curso incorporará un conserxe ao centro escolar
O Concello de Sober entrega máscaras reutilizables e personalizadas ao alumnado e profesorado de CEIP Plurilingüe Virxe do Carme para o curso 2020-2021 marcado pola nova normalidade.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que “cada persoa recibirá do Concello tres máscaras personalizadas para que dispoñan de unidades de cambio suficientes”. Tanto o alumnado coma o profesorado recibirán tamén un estoxo porta máscaras personalizado”.
Colaboración co colexio
Esta doazón de material de prevención fronte á covid-19 engádese a outras iniciativas coas que o Concello de Sober colabora co colexio público do municipio.
A partir do 1 de outubro, porase en marcha cumprindo os protocolos anti-covid establecidos polas autoridades sanitarias o programa Concilia que inclúe tanto o servizo Madrugadores coma as Ludotardes para a atención dos nenos e nenas antes e despois do horario lectivo.
O alcalde explica que “ademais deste servizo que pretende favorecer a conciliación laboral e familiar, este curso o Concello incorporará un conserxe para colaborar co profesorado do CEIP Virxe do Carme nas tarefas que consideren necesarias”.
A maiores, desde a Consellería de Educación fixéronse melloras no centro, como a ampliación da biblioteca, novas cociñas, melloras no sistema de electricidade e está en obras un novo salón de actos.