Mariluz Barreiros, Premio «Ourensanía 2015»
- O xurado emitiu o ditame hoxe na Casa dos Poetas, en Celanova, destacando da premiada ser a promotora e presidenta da Fundación «Eduardo Barreiros», dedicada á perpetuación da memoria do impulsor da industria do automóbil na España de mediados do século XX.
- A entrega do premio terá lugar no Teatro Principal de Ourense o 11 de novembro, día de San Martiño, xornada do patrón da Ourensanía.
A presidenta da Fundación «Eduardo Barreiros», Mariluz Barreiros, ven de ser recoñecida co Premio «Ourensanía 2015», un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.
O xurado, reunido hoxe na Casa dos Poetas, en Celanova, constituído para a ocasión en virtude do acordo da Xunta de Goberno da Deputación provincial de Ourense e presidido polo seu titular, Manuel Baltar, emitiu seu ditame destacando: «Logo de teren deliberado sobre as diversas propostas presentadas e valoradas as súas traxectorias biográficas nos máis que sobrados valores e recoñecementos que todas elas ostentan no ámbito do que representa o concepto da Ourensanía, acordou concederlle o Premio «Ourensanía 2015» a Mariluz Barreiros Ramos, filla do exemplar empresario ourensán Eduardo Barreiros Rodríguez, como promotora e actual presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, dedicada á perpetuación da memoria do seu pai no rol de impulsor da industria da automoción na España de mediados do século XX, así como ao fomento da investigación no campo da tecnoloxía do automóbil, ademais de á difusión cultural de todo canto ten que ver co mundo do motor, exemplo do cal son o premio bianual «Eduardo Barreiros», a creación de bolsas de estudos de postgrao relacionadas coa enxeñería do automóbil ou o Museo «Eduardo Barreiros», situado en Valdemorillo (Madrid) e que pasa por ser a primeira mostra monográfica dedicada a unha figura relevante do mundo da automoción en España».
A acta salienta que, con este recoñecemento, o xurado desexa personalizar en Mariluz Barreiros a toda a familia Barreiros Rodríguez, incluíndo nela á súa nai Dorinda Ramos -tamén ourensá- e aos irmáns de Eduardo, Valeriano, Graciliano e Celso, orixinarios da parroquia de San Miguel do Campo (Nogueira de Ramuín) «onde Eduardo comezou a despuntar moi novo como un admirable emprendedor adiantado ao seu tempo e con cuxa actividade chegou a fomentar a creación de 25 mil postos de traballo directos e a xerar máis de 100 mil empregos indirectos».
A concesión deste quinto galardón da Ourensanía a Mariluz Barreiros coincide, non de xeito casual, coa conmemoración do 50 aniversario da creación do polígono de San Cibrao das Viñas, dado que unha das súas liñas industriais, a actual Galfor S.A., foi unha das tres primeiras empresas que apostou por instalarse nunha área industrial que, con 320 empresas alí asentadas e máis de 8.000 traballadores asistindo diariamente a ela, constitúe hoxe en día un dos principais motores económicos da provincia de Ourense.
O xurado fai tamén unha mención explícita á etapa final de Eduardo Barreiros como promotor da industria automobilística na Habana dos anos 80, «onde o seu papel de incombustible emprendedor chegou a acadar límites certamente transgresores e incluso heroicos, moi propios dos valores que representa a Ourensanía, ao conseguir reproducir na Cuba de Fidel Castro o sistema de produción industrial da automoción baseado na transformación dos motores de gasolina en motores diésel, que tantos éxitos nacionais e internacionais lle concedera na antagónica España dos anos 50 e 60».
A entrega do galardón terá lugar no Teatro Principal de Ourense o día 11 de novembro, día de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da Ourensanía, e contará cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional. No transcurso deste acto, o presidente da Deputación de Ourense entregaralle á premiada unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da presente acta, que dá fe do premio.
Finalmente, é desexo do xurado aproveitar a súa estadía na Casa dos Poetas de Celanova para deixar constancia de que hai agora dez anos, este mesmo espazo tan simbólico para a literatura galega foi a Casa de acollida do primeiro acto de reafirmación da Ourensanía, concretamente o día 12 de novembro de 2005.
O xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense, Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Juan Luís Saco, catedrático e intelectual.