Margarita Rodríguez Otero: pregoeira das Festas Patronais de Monforte
- O Alcalde anuncia que a monfortina Margarita Rodríguez Otero será a pregoeira das Festas Patronais 2022
- José Tomé Roca, xustifica a súa elección en que “é unha figura moi importante na historia recente de Monforte, e ademais creo que é unha persoa moi querida polos monfortinos e monfortinas, e estou seguro de que contribuirá co seu pregón a que moitos se animen a achegarse ata Monforte a disfrutar das nosas Festas”
- Empresaria, investigadora, historiadora, escritora, cronista oficial de Monforte, foi a primeira muller na historia de Galicia en ser Deputada provincial e foi elixida Deputada Autonómica na III Lexislatura en 1989
- Tamén foi Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira de Cultura e Deportes do Concello de Monforte, inaugurándose durante a súa xestión a actual Casa da Cultura, en xuño de 1987.
- Margarita López Otero será a encargada de inaugurar os festexos de Monforte de Lemos o mércores 10 de agosto
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a que será a Pregoeira das Festas Patronais de 2022. Trátase da monfortina Margarita Rodríguez Otero.
O Alcalde xustifica a súa elección en que “é unha figura moi importante na historia recente de Monforte, e ademais creo que é unha persoa moi querida polos monfortinos e monfortinas, e estou seguro de que contribuirá co seu pregón a que moitos se animen a achegarse ata Monforte a disfrutar das nosas Festas”.
Margarita Rodríguez Otero naceu en Monforte de Lemos en 1934.
É Graduada Social e Técnica superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares.
En 1977, fundou na súa localidade natal a Asesoría que leva seu nome, destacando ó longo dos anos a súa labor coma empresaria.
Foi vicepresidenta da Asociación de Mulleres Empresariais de Lugo (1975) e formou parte da primeira Xunta Xestora da Asociación de Empresarios de Lugo (1976).
Inicia a súa actividade política en 1979, coas primeiras eleccións democráticas, como candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía do Concello monfortino, saíndo elixida Concelleira. Segue neste posto en 1983, no que ó compaxina co de Deputada provincial na Deputación de Lugo, sendo a primeira muller en acadar este cargo en toda Galicia.
Nas eleccións de 1987 forma parte do goberno municipal como Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira de Cultura e Deportes. Durante a súa xestión, inaugurase a actual Casa da Cultura monfortina, en xuño de 1987.
Foi elixida Deputada Autonómica no Parlamento de Galicia, na III Lexislatura (1989). Nesta Cámara foi vicepresidenta da Comisión Institucional, Administración Xeral, Xustiza e Interior, vogal da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego e portavoz na área de Xuventude.
No remate da lexislatura, reincorpórase o seu despacho profesional en Monforte, sendo especialista en asesoría fiscal e laboral.
Unha vez xubilada, Margarita Rodríguez Otero, dedícase de cheo á investigación histórica, a súa gran paixón.
Deste xeito, ten publicadas diversas obras, sempre relacionadas coa historia e a cultura de Monforte e de Galicia: os estudos históricos “Andrés García-Camba de las Heras, militar, político y escritor” e “Tierras de Lemos, historias, tradiciones y recuerdos”. E as novelas “Os documentos Fonterosa”, “El secreto del Almirante”, “Confidencial: eliminar al rey” (en galego e castelán), e “Unha xoia para o Kaiser” (en galego e castelán)
Impartiu conferencias en foros culturais e ten publicados mais de 100 traballos de investigación histórica en diversos medios, xornais e revistas especializadas.
Colabora habitualmente coa “Revista Lucense de Creación poética Xistral” e ca Revista “Anduriña” do Lar Galego de Sevilla.
En decembro de 2006 foi nomeada Cronista Oficial de Monforte de Lemos.