Manzaneda, ‘epicentro’ da Gaita

  • Manzaneda, lugar de encontro e referencia do mundo da Gaita
  • Durante os vindeiros días 30 e 31 de xullo, o municipio ourensá acollerá a celebración da VII edición do «Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas – I Encontro Infantil»
Rosendo Fernández, Xosé Lois Foxo, Manuel Doval, Gustavo Samartín e David Rodríguez

Rosendo Fernández, Xosé Lois Foxo, Manuel Doval, Gustavo Samartín e David Rodríguez

 

A VII edición do «Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas – I Encontro Infantil» será un ano máis no municipio de Manzaneda, o lugar de encontro e de referencia para o mundo da gaita, durante os vindeiros días 30 e 31 de xullo. A presentación desta tradicional celebración tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, o alcalde do Concello de Manzaneda, David Rodríguez; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e o director xeral de Oca Nova Manzaneda, Gustavo Samartín.

Rosendo Fernández explicou que esta edición conta con novidades importantes «como a celebración do primeiro encontro infantil; ou a noite celta, que compaxina a simbiose de música e natureza, que ofrece forza telúrica e espiritual a noite de Manzaneda».

O deputado provincial de Cultura destacou o carácter identitario da cornamusa ao afirmar que «falar da gaita é falar de Galicia», e engadiu, «cando se fala de música, a Real Banda de Gaitas está presente aquí e en todo o mundo». Asemade salientou a importancia da «cooperación» para poder desenvolver este tipo de iniciativas.

O programa da celebración comeza o día 30 de xullo, ás 22.00 horas coa celebración da Noite Celta, onde actuarán Óscar Ibáñez (Trio), Cantareiras da Real Banda, Real Xuvenil, e Lapsus Gaita. Ao día seguinte, o 31 de xullo, comezan as actuacións ás 11.00 horas na categoría Senior, na que interveñen seis grupos, e seguidamente, ás 11.40 horas, terán lugar as actuacións infantís que rematarán cun concurso de gaiteiros solistas. Posteriormente, celebraranse as actuacións de 2º Grao e 1º Grao, e a xornada finalizará coa entrega de diplomas e medallas.

«Este certame de referencia na historia da gaita e que levamos a celebrar desde fai 30 anos, naceu con Don Gabino García, alcalde de Manzaneda, e mantívose no tempo grazas á sensibilidade da xente co mundo da cultura», asegurou Xosé Lois Foxo.

Esta sétima edición do certame ten unha nova dimensión, «esta é a fase final do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e Encontro Infantil, con dúas partes, unha competitiva para as Bandas máis profesionais, e outra educativa para grupos de nenos, polo tanto, enfocamos este evento dunha maneira máis didáctica e instrutiva. Haberá seis xuíces instrutores que emiten uns informes construtivos, para axudar no comportamento dos rapaces e tamén desde o punto de vista musical», explicou o director da Escola de Gaitas.

O alcalde de Manzaneda agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e das diferentes entidades para poder levar a cabo este certame, e animou á xente «a asistir a este evento no cumio de Galicia e gozar do noso instrumento por excelencia», dixo David Rodríguez.

O director de Oca Nova Samartín sinalou que este certame que nesta edición inclúe o encontro infantil «auna cultura e entretemento, características que tamén aglutina a Estación de Manzaneda».

 

 

También te podría gustar...