Manuel Baltar salienta «a importancia da Xustiza», na inauguración do novo edificio xudicial de Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou «a importancia da Xustiza» na inauguración do novo edificio de Ourense que tivo lugar o pasado luns. Baltar afirmou que 18 millóns de euros nun momento de recesión económica «falan da aposta do goberno galego polas políticas de equilibrio territorial e da necesidade dun servizo público especial como é a Xustiza».
O presidente provincial subliñou que novamente «a cooperación entre administracións volve ser a protagonista en beneficio dos cidadáns» e precisou que o novo edificio xudicial «é a maior infraestrutura xudicial que o goberno galego fixo nos últimos seis anos». A nova infraestrutura xudicial supuxo un investimento de 18 millóns de euros e ten capacidade para 24 xulgados e 16 salas de vistas.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que esta nova sede xudicial «é a mostra de que os galegos nos momentos máis aciagos da crise económica fomos quen de tentar non renunciar á mellora dos servizos públicos durante esta profunda crise económica». «Por iso, agora que comeza a amainar o temporal económico, podemos dicir que os servizos públicos quedaron preservados tanto no eido da sanidade, da educación pública, e da Administración xudicial, máis eficiente e áxil, e con máis infraestruturas».