Manuel Baltar propón un novo financiamento local, abordado conxuntamente co autonómico
- Na conferencia que ofreceu hoxe no Fórum Europa, en Santiago, titulada «Reformulando a política provincial», reivindicou a inclusión da FEMP no Consello de Política Fiscal e Financeira.
- O presidente da Deputación de Ourense pide «un gran pacto político demográfico» ante o problema da crise demográfica, «que leva aparellada unha consecuencia clara: a perda de peso específico dun territorio».
- Destacou a transparencia como «liña estratéxica institucional» e que o Plan Ourense 15-19 do goberno provincial «inclúe a posta en marcha da primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá de España».
- «As negociacións para conformar o meu goberno duraron once horas, as que estiveron abertos os colexios electorais o 24 de maio. Un pacto coas veciñas e veciños de Ourense».
- No que atinxe á situación catalana, Baltar avogou polo diálogo: «Nin a Constitución nin o Estatuto son inmutables; non son o problema, son a solución, porque fixan procedementos para reformalos».
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, protagonizou hoxe en Santiago o almorzo-coloquio do «Fórum Europa Tribuna Galicia», que organiza Nueva Economía Fórum, coa conferencia titulada «Reformulando a política provincial». O acto, que tivo lugar no Parador dos Reis Católicos, contou coa presenza de máis de douscentos asistentes dos ámbitos institucional, político, empresarial, cultural e social. Manuel Baltar foi presentado pola presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro.
Na cuarta ocasión que participa nesta tribuna de debate e opinión –as anteriores foron en 2010, 2012 e 2014-, Manuel Baltar reivindicou a inclusión da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no Consello de Política Fiscal e Financeira. Baltar, que desde o pasado 20 de setembro forma parte da Xunta de Goberno da FEMP, pediu tamén «un gran pacto político demográfico» ante o problema da crise demográfica, «que leva aparellada unha consecuencia clara: a perda de peso específico dun territorio». «Trátase –dixo- dunha grave ameaza que esixe un gran pacto político con medidas urxentes a todos os niveis territoriais. Aprobar unha folla de ruta común inatacable, sen terreo para a demagoxia, sen frivolidade política, sen utilización partidista. Con actuacións que equilibren o territorio, que non abran máis fendas e que reduzan as existentes».
Asemade, destacou a transparencia como «liña estratéxica institucional» e dixo que o Plan Ourense 15-19 –o documento que marca a senda do goberno provincial ourensán neste período- «inclúe a posta en marcha da primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá de España»
Baltar tivo tamén un recoñecemento para concelleiras e concelleiros, alcaldes e alcaldesas, «eses que saben que ser alcalde é bastante máis que reducilo déficit ou o prazo de pago medio a provedores. A política é algo máis. A política entra no terreo dos sentimentos e das emocións, das aspiracións do colectivo, dun benestar que non se mide só coas estatísticas», e destacou que a política municipal, o contacto permanente cos dirixentes dos concellos, «proporciona a seguridade de contar co pulso dun territorio, dunha provincia. O contacto reiterado ao longo do mes, do ano, do mandato. Falar cunha media diaria de 16 alcaldes ou alcaldesas proporciona unha foto moi aproximada da realidade e das expectativas dunha comunidade», expresou.
A importancia da provincia
Manuel Baltar afirmou que a provincia «non é só unha circunscrición electoral» e dixo que «visión» e «cooperación» son palabras clave para facer provincia. «Para min a máis importante é «visión». E saúdo a tese doutoral que se está a elaborar na universidade galega, por Jardón Ferreiro baixo a dirección do doutor Orosa, sobre a creación dunha marca territorial baseada na identidade competitiva como estratexia de posicionamento xeo-local: a Ourensanía. Unha tese que terá a oportunidade de expoñerse en México, na Universidade Autónoma de Ciudad Juárez, no XV Congreso Internacional sobre Integración Rexional, Fronteiras e Globalización. Unha oportunidade para estudar a aplicabilidade dos postulados teóricos do Place Branding aos 7.273 km2 do territorio ourensán».
Financiamento
Manuel Baltar expresou a súa convicción de que estamos no momento «de abordar a reforma do sistema de financiamento de comunidades autónomas e entes locais. Unha abordaxe que debe practicarse de xeito simultáneo: subsistema autonómico e subsistema local. Ao mesmo tempo para que non haxa preponderancia de un sobre o outro e para deseñalo tendo en conta unha perspectiva de conxunto, ideal para a acción política duradeira. Pensemos sempre no medio e longo prazo e fuxamos do «curtopracismo». Un momento histórico no que chegou tamén a obriga de contar co municipalismo español no Consello de Política Fiscal e Financeira. Será entón o momento de completar a frase citada e falar de «unha administración, unha competencia, un financiamento»-
Novo escenario
Baltar dixo que o 24 de maio abriuse un escenario «onde pasei de ser o presidente de deputación galega con menos tempo no cargo ao presidente decano dos gobernos provinciais galegos, por obra e graza das urnas. As negociacións para conformar goberno provincial duraron once horas, exactamente as que transcorreron dende a apertura dos colexios electorais ata o seu peche. Un acordo cos cidadáns de Ourense. Non presidentes sorpresa nin presidentes por comenencia. Presidente que quería ser presidente. Non perder nin un minuto dende o escrutinio».
Transparencia
Referíndose á transparencia, Manuel Baltar destacou que se trata «dunha actitude, unha liña estratéxica institucional que habita nun piar inexcusable na democracia, tal e como a entendemos hoxe en día», e engadiu que na democracia actual, seguindo o pensamento de Jurgen Habermas, «temos que escribir con maiúsculas verbas como SOCIEDADE, DIÁLOGO, ÉTICA, PARTICIPACIÓN, DELIBERACIÓN e INCLUSIÓN. Cuestións que desenvolvín cando falei e escribín da «democracia substantiva». E anunciou que proximamente «poremos en marcha a primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá do Estado. Unha das medidas do «Plan Ourense 15-19».
Manuel Baltar defende a innovación e o coñecemento como verdadeiras ferramentas de progreso, e neste sentido dixo que Ourense «é unha provincia, unha deputación, que segue con interese modelos de desenvolvemento territorial e de xestión pública como os casos de Tilburg nos Países Baixos ou Curitiba no Brasil, e moi de cerca apostas polo emprendemento como a gañadora de Israel. Sen dúbida un modelo exitoso do seu ecosistema de innovación, tratándose do país coa maior concentración de innovación e emprendemento, a maior cantidade de start up per capita e a maior porcentaxe de PIB investido en I+D+i para uso civil».
Cataluña
No que atinxe á situación catalana, Baltar avogou polo diálogo: «Nin a Constitución nin o Estatuto son inmutables; non son o problema, son a solución, porque fixan procedementos para reformalos». Afirma que ámbalas dúas «establecen as normas precisas e o número de apoios para aprobar esa reforma. Eu mesmo participei nun intento de reforma do Estatuto de Autonomía para Galicia, perfectamente posible e nalgúns aspectos necesarios para adaptalo á realidade que non é a de 1981. España ten a Constitución que quere e terá a Constitución que queira. E Galicia ten o Estatuto que quere e terá o Estatuto que queiran galegas e galegos. Nunca é tarde para o diálogo e a negociación cando existe vontade política. Así é como aparecen puntos de encontro e intereses comúns».
Finalmente, en clave galeguista, Manuel Baltar referiuse á necesidade de «reconquistar Galicia para si mesma, coa sensatez e a firmeza intelectual do pensamento e da acción dun galeguista exemplar, Carlos Casares, quen non dubidou en asumir responsabilidades políticas, cando foi necesario, para axudar a construír o país soñado, a nación das palabras». Neste senso, expresou que a nosa sociedade, a galega, «é aberta ás transformacións e respectuosa coa tradición. A Galicia aldea e a Galicia cidadán, a base rural, a base mariñeira e o pulo urbano. A Galicia do pan e do viño, a dos rebuldeiros areais da beiramar e a do grave silencio da montaña, «acabada simbolización das fontes vitais deste noso país», en acertada definición de Otero Pedrayo».