Manuel Baltar participa no acto de entrega dos informes técnicos da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte na sede do Valedor do pobo en Santiago no acto de entrega dos informes técnicos para o expediente de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. No acto tamén estiveron presentes o Valedor do Pobo, José Julio Fernández; o deputado lugués e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e a responsable de Área do Valedor do Pobo, Beatriz González.
Hoxe fíxose entrega da citada memoria científica e o paso seguinte será a solicitude de expediente BIC –asinada hoxe- por parte da Consellería de Cultura. Este proceso para chegar ate este informe, no que se detallan as especificidades e criterios técnicos que avalan a candidatura, deu comezo en xuño de 2014 cando as deputacións de Ourense e Lugo asinaron co Valedor do Pobo un convenio de colaboración para que este coordinase un equipo académico multidisciplinar co obxectivo de elaborar a memoria científica que se xuntará á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial diante da Unesco.
Manuel Baltar dixo que toda Galicia “será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque con esta distinción réndese homenaxe á historia, ás tradicións, á viticultura, ao patrimonio artístico e natural e por suposto aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental”, engadindo que con esta nominación “protéxese un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións”.
O presidente do goberno provincial explicou que precisamente, nestes días “o Comité de Patrimonio Mundial da Unesco está a analizar as propostas xa presentadas, unha das cales (o Camiño Norte) afecta a Galicia”, e lembrou que o país “con máis bens Patrimonio da Humanidade é Italia, con 50, seguido de China con 47, e en terceiro lugar está España, con 44, un número moi destacado e significativo tendo en conta que países como Estados Unidos ou Australia teñen 22 e 19, respectivamente”.
Traballos técnicos
Os traballos técnicos foron desenvolvidos por expertos nas áreas temáticas de: Produción agrícola e formas de cultivo; Xeografía física; Edafoloxía; Botánica; Patrimonio cultural (Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía, Arquitectura e Antropoloxía); Economía aplicada e Produción vitivinícola. O documento enviarase agora ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.
A candidatura define, describe e delimita o ben proposto, ademais de delinear a súa historia e acreditar un valor universal excepcional, especificando neste caso como dito valor vaise manter e salvagardar por medio da protección legal e da xestión dos recursos que testemuñan o dito valor; cal será o proceso de xestión e o sistema a desenvolver, así como quen vai participar no mesmo.
O proceso que se está a desenvolver para acadar a certificación da Unesco xurdiu en setembro de 2013 cando Manuel Baltar convocou aos alcaldes da provincia de Ourense dos concellos integrados na Ribeira Sacra para expoñerlles como presidente do goberno provincial a súa decisión de reactivar o proceso para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Nesa xuntanza, Manuel Baltar acadou a unanimidade dos alcaldes e, de seguido, presentou unha moción no pleno da corporación provincial e falou co presidente da Deputación de Lugo para que o ente lucense se sumase á iniciativa, como así fixo.
Deste modo, en decembro de 2014, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, asinouse un convenio de colaboración entre as dúas deputacións, o Valedor do Pobo e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para iniciar todos xuntos a andaina a prol da distinción da Unesco.
Dende entón, o comité designado con representantes dos concellos e das deputacións fixo o seu traballo ao igual que o equipo científico e técnico, e agora chega o momento de que a Xunta inicie o proceso para a declaración de BIC, trámite fundamental para que a solicitude se eleve ao Goberno do Estado para que sexa debatida na Unesco cando corresponda.