Manuel Baltar participa nas Xornadas sobre Muller e Urbanismo, no Campus de Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na apertura das Xornadas sobre Muller e Urbanismo, organizadas polas profesoras do Campus da Auga Susana Reboreda e Isabel Doval, coa colaboración do Vicerreitorado do Campus de Ourense e da Deputación de Ourense, un evento que ten como obxectivo ofrecer unha mirada de xénero ao Planeamento Urbano e ao Desenvolvemento. As xornadas recoñecen expresamente a capacidade transformadora das mulleres para a vida da comunidade, un potencial que se ten visto condicionado pola escasa participación delas na toma de decisión.
Os organizadores pretenden con este foro de debate abordar a relación das mulleres co urbanismo, a súa propia sensación de barrio ou concello e as súas necesidades reais no día a día da vida. Este enfoque de xénero é un paso previo imprescindible para as posibles solucións de conflitos e carencias de cidades como Ourense, co fin de revitalizar a dinámica da cidade e dos distritos, converténdoos en espazos reais de participación e de convivencia onde a diferencia constitúe en si mesma un factor de enriquecemento para o proxecto de cidade.
As xornadas, que se desenvolverán entre hoxe e mañá no Salón de Graos da Facultade de Historia do Campus de Ourense, son multidisciplinares e multisectoriais. Entre os relatores figuran arquitectos, urbanistas, especialistas en planificación do territorio, historiadores e educadores, que destacan pola súa contribución aos estudos de xénero.