Manuel Baltar: «O novo balneario de Cortegada supón un paso moi importante na oferta termal da nosa provincia»

1 1 1 2015 MB e Cortegada

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, e outras autoridades e veciños de Cortegada ao acto de inauguración do Balneario de Cortegada, que incorpora o equipamento máis avanzado para o aproveitamento de augas termais e minerais con fins terapéuticos.

Manuel Baltar destacou que a apertura deste novo balneario «é un paso moi importante dentro do Plan «Ourense, a provincia termal» «porque supón poñer a disposición de todos unha nova infraestrutura que ven a complementar a gran oferta termal da provincia de Ourense, e agardamos que tamén este ano se reabra grazas á iniciativa privada o Balneario de Partovia, no Carballiño». Baltar considera que o concepto de «Ourense como provincia termal» «está xa perfectamente asumido dentro e fóra de Galicia e mesmo internacionalmente, ao incorporar este ano ao programa de Termalismo Saúdable aos residentes de Chaves, en Portugal, e tamén coa sinatura de convenios con importantes municipios como Alcobendas para atraer turismo termal á provincia de Ourense».

O presidente do goberno provincial comentou que o vindeiro 22 de marzo, Día Internacional da Auga, celebrarase no Balneario de Baños de Molgas a segunda reunión do Consello Termal Ourensán para avaliar o feito ata o momento en materia termal e para planificar e focalizar o traballo que se realizará nos vindeiros dous meses. «Cando en política se traballa con organización e previsibilidade as cousas saen, porque temos retos e hai que esmerarse por conseguilos. Estámolo facendo, e as críticas positivas que recibimos por parte de diferentes axentes relacionados con ámbito termal, mesmo de touroperadores, indícanos que imos na boa dirección e que esa oferta integral e integradora de termalismo que temos na provincia de Ourense, que abrangue os eidos de saúde, deportivo e de lecer, fala alto e ben das excelencias dun sector estratéxico que temos que seguir potenciando».

 

También te podría gustar...