Manuel Baltar inaugura a exposición «180 anos de historia provincial», no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»

1 2015 MB e 180 anos expo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta tarde no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» a exposición 180 anos de historia provincial, unha mostra organizada pola Deputación de Ourense que está a percorrer as principais poboacións e cabeceiras de comarca da provincia. O obxectivo da exposición é poñer en valor a historia social e política da provincia de Ourense así como a súa cultura, lingua, industria e comercio ao longo do tempo.

Dun xeito didáctico, en 40 paneis de gran formato, a mostra está concibida como un itinerario no que se poden ver as máis destacadas divisións xeográficas e político-administrativas da península Ibérica, desde a conquista romana ata a actual organización provincial, asinada en 1833 por Javier de Burgos, primeiro ministro de Fomento, trala morte de Fernando VII. Deste xeito, o concepto de «provincia» convida a comprender, partindo das súas orixes, a nosa realidade presente no concerto da España autonómica. Un resumo da historia da provincia de Ourense completa a visión panorámica da nosa división e organización territorial.

Do mesmo xeito, a longa historia do concepto «deputación» e a traxectoria moderna da institución, as súas competencias, sedes e patrimonio, ocupan un importante espazo da mostra. Neste contexto, o espectador pode deterse na análise dos proxectos do actual goberno provincial e nas realizacións xa executadas.

O itinerario histórico está ilustrado con 14 mapas, expresamente realizados para a mostra, e un libro catálogo, nos que os límites da provincia de Ourense acadan o protagonismo necesario para que o espectador teña unha clara visión da identidade territorial.

También te podría gustar...