Manuel Baltar explica o Plan Termal Provincial no XI Encontro de vilas termais, en A Toxa
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, explicou hoxe as liñas programáticas do Plan Termal Provincial no XI Encontro de vilas termais que se celebra en A Toxa (Pontevedra), afirmando que o Plan Termal “entra dentro da estratexia de “provincia intelixente” como eixo de desenvolvemento territorial”. Baltar anunciou que proximamente a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia asinarán o convenio para a execución do Plan Termal Provincial e a constitución do Consello Termal Ourensán. Precisamente, nesta liña de impulso do termalismo, a Deputación de Ourense inclúe nos orzamentos de 2015 unha partida que supera os 1,5 millóns de euros. “A cooperación público-privada é básica e as administracións debemos situar o termalismo non so na axenda política senón tamén na económica e social”, remarcou o presidente provincial.
Manuel Baltar participou neste foro nacional de vilas termais xunto coa secretaria xeral de Sanidade Consumo do Goberno de España, Pilar Farjas, abordando o tema das políticas públicas e dos instrumentos de apoio ao desenvolvemento sostible das vilas termais. O foro ten como obxectivo a planificación e desenvolvemento das vilas termais, a súa xestión e a posta en común das claves para promocionar e comercializar mellor unha infraestrutura termal, así como analizar as iniciativas para atraer ao turismo nacional e internacional.
O presidente do goberno provincial expuxo as liñas estratéxicas do Plan «Ourense é a provincia termal», un proxecto que ten como obxectivo afondar na especialización, novos produtos, modernas infraestruturas e promoción, para situar á provincia de Ourense no mapa internacional do termalismo. O Plan Termal, que desenvolven conxuntamente Deputación de Ourense (Inorde) e Xunta de Galicia, farase realidade co novo escenario de fondos comunitarios 2014-2020, que permitirá achegar a Ourense os orzamentos necesarios para impulsar como nunca esta provincia situándoa na vangarda do benestar, do relax e da saúde.