Manuel Baltar, elixido membro da Xunta de Goberno da FEMP
- O presidente da Deputación de Ourense amosou a súa satisfacción pola súa elección, expresando o seu agradecemento «por formar parte do órgano de dirección dun ente que engloba a máis de 8.100 concellos e aos gobernos provinciais de España».
- «É un recoñecemento ao traballo desenvolvido estes anos na Deputación, labor no que está representado todo Ourense, e que nos situou á vangarda dos gobernos provinciais», afirmou.
- «Esta nova responsabilidade é unha oportunidade para seguir innovando en política e na administración, e para favorecer ese maior achegamento dos cidadáns ás institucións», valorou o presidente.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi elixido membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no XI Pleno que celebrou onte este organismo no Pazo Municipal de Congresos de Madrid, un encontro no que se elixiron os novos órganos de goberno da FEMP, Xunta de Goberno, Consello Territorial, presidente e vicepresidente, e no que se marcaron as pautas para o traballo da federación ao longo dos próximos catro anos.
Trala súa elección, Manuel Baltar amosou a súa satisfacción e agradecemento por integrar a Xunta de Goberno dun organismo que engloba a máis de 8.100 concellos e a todos os gobernos provinciais de España. «Penso que é un recoñecemento ao traballo desenvolvido estes anos na Deputación de Ourense, labor que nos situou á vangarda dos gobernos provinciais», expresou o presidente, engadindo que esta nova responsabilidade «é unha oportunidade para seguir innovando en política e na administración, e para favorecer ese maior achegamento dos cidadáns ás institucións».
O reto para o municipalismo español nesta lexislatura que empeza «é claro para min: pasa por unha reformulación do financiamento local para que as competencias de concellos e deputacións se poidan desenvolver a competa satisfacción dos cidadáns», afirma Manuel Baltar, quen resume en dous aspectos: servizos públicos de calidade e administracións máis eficientes os ámbitos nos que é necesario incidir para facer mellor política e xestión local e provincial.
A modernización e transformación que a Deputación de Ourense experimentou estes últimos anos, con iniciativas pioneiras que facilitan e melloran a xestión dos entes locais e provinciais, son os principais argumentos que levaron á elección de Manuel Baltar como membro do órgano de máxima responsabilidade no municipalismo de España, a Xunta de Goberno da FEMP. A isto únense iniciativas promovidas polo presidente da Deputación de Ourense que situaron á institución provincial como un referente nacional nos eidos da transparencia, o rigor económico, a prestación de servizos, a innovación en materia de políticas e sobre no que atinxe á participación cidadá.
«É un camiño irrenunciable no que temos que seguir, pero nesta andaina polo progreso non estou só, xa que este é un proxecto de todos, aquí está representado todo Ourense, sen cores políticos, porque teño claro que levarei á FEMP as ideas que desde o municipalismo ourensán se postulen para que se teñan en conta por parte do municipalismo nacional», e puxo como exemplo o histórico primeiro Cumio de alcaldes e alcaldesas co presidente da Deputación, que se celebrou días pasados en Ourense. «Esa é a liña de actuación: escoitar moito e actuar con sentido da oportunidade e da anticipación, traballando institucionalmente polo potencial e desenvolvemento da provincia de Ourense, no que eu creo firmemente».
O Pleno da FEMP é o órgano soberano da Federación e reúnese de forma ordinaria unha vez cada catro anos. É o foro ao que están chamados a participar todos os membros da Federación, onde se deseña a «folla de ruta» que marcará o traballo a realizar durante o seguinte mandato, e se determina a composición dos órganos de goberno da FEMP en función da representación que as diferentes opcións políticas obtiveran nos municipios e provincias españois.