Manuel Baltar e destacados empresarios de Ourense abren unha canle de cooperación para potenciar o emprego e os principais sectores económicos da provincia
- O presidente da Deputación presentoulles hoxe na estación de Cabeza de Manzaneda a súa «visión integral de provincia», o Plan Ourense 15-19 e amosoulles a dispoñibilidade do goberno provincial para participar en proxectos público-privados que xeren competitividade.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, convocou hoxe na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda a destacados empresarios ourensáns dos principais sectores económicos da provincia de Ourense para propoñerlles establecer «unha canle de cooperación permanente entre o goberno provincial e o empresariado ourensán que permita potenciar os principais sectores económicos da provincia de Ourense». Así o expresou o presidente provincial ao remate da reunión, na que lles presentou a súa «visión integral de provincia», o Plan Ourense 15-19 e amosoulles a dispoñibilidade do goberno provincial para participar en proxectos público-privados que xeren competitividade.
Na xuntanza participaron directivos de potentes compañías ourensás dos ámbitos do termalismo, o téxtil, a alimentación, a automoción, os medios de comunicación, o viño, a loxística sanitaria, a banca e a construción, empresas de longa traxectoria, moitas delas líderes nacionais no seu sector e que abranguen mercados que van dende o provincial ata o internacional, e tamén participou o consultor estratéxico Juan Verde.
O obxectivo deste cumio institucional-empresarial promovido por Manuel Baltar é potenciar as liñas de colaboración entre o goberno provincial e o empresariado para levar a cabo proxectos de cooperación que xeren competitividade e emprego na provincia. Neste sentido, Baltar explicoulles que o Plan Ourense 15-19 inclúe iniciativas nas que destacan á innovación, a xestión económica, o «goberno verde» e a interacción coa cidadanía. «En todas elas –subliña o presidente- afondamos nas singularidades que ofrece a nosa provincia e que temos que potenciar para acadar maior desenvolvemento social e xerar máis emprego e benestar». «Por elo –engade Baltar- este encontro cos representantes de empresas significativas de Ourense propiciará que abramos canles de colaboración que nos permitirán impulsar novos proxectos que xeren riqueza no noso territorio, asenten poboación e nos permitan estar preparados para o fito histórico que vai supoñer en 2018 a chegada a Alta Velocidade á nosa provincia, sen dúbida, unha panca de desenvolvemento que achegará importantes oportunidades de negocio para as empresas da provincia de Ourense».
Na xuntanza, Manuel Baltar relatou a evolución experimentada nos últimos anos polo goberno provincial «con iniciativas pioneiras, que facilitan e melloran a xestión dos entes locais e provinciais, unhas, e que dan unha maior visibilidade da nosa provincia, outras». Entre elas citou a modernización dos trámites administrativos (dentro da iniciativa «Provincia intelixente»), o Plan «Ourense, a provincial termal», as xestión para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, organización de eventos como a Semana das industrias culturais e creativas (ICC Week) ou a consecución de que a «Vuelta a España» 2016 saia da provincia de Ourense. Tamén se referiu Manuel Baltar ao «Clúster» do Viño, «que, liderado pola Deputación de Ourense, será un instrumento de desenvolvemento para o sector vitivinícola na nosa provincia».
O fin principal é a xeración de emprego, e para iso, afirma Manuel Baltar, «temos que interiorizar todos unha visión integral de provincia, onde conte o territorio e onde ningún concello sexa máis que outro, pois o importante son as persoas, non o número delas; e as estratexias que temos que propoñer para levar a cabo proxectos dinamizadores da provincia teñen que pasar pola innovación e o desenvolvemento de iniciativas que divulguen e lle dean valor ás peculiaridades que temos, que son moitas».
O presidente do goberno provincial e os empresarios acordaron establecer reunións periódicas entre a Deputación de Ourense e os diferentes sectores estratéxicos da economía provincial para manter un intercambio de información permanente co obxectivo de planificar proxectos, procurar vías de financiamento e seguir afondando na necesidade dunha cooperación público-privada.