Manuel Baltar e Alejandro Rubín presentaron hoxe o 2º Foro da Comunicación promove o emprendemento e as relacións entre empresas e profesionais do sector
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, presentaron hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o 2º Foro da Comunicación, un evento que se celebra o vindeiro 20 de novembro en Expourense e que ten como obxectivo promover o emprendemento no sector e sensibilizar ás empresas sobre a necesidades de contar con estratexias axeitadas de marketing e comunicación. A Deputación de Ourense colabora neste foro que, en palabras de Manuel Baltar, “permite analizar a situación do sector da comunicación en Galicia e servir de canle de contacto para a universidade, os profesionais e as empresas para establecer liñas de cooperación como as que a Deputación de Ourense mantén con Expourense para esta e outras iniciativas”.
Neste senso, o presidente do goberno provincial tamén ofreceu a próxima convocatoria (en xaneiro de 2015) do premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, que anualmente convoca a Deputación de Ourense, para que Expourense colabore por medio do Foro da Comunicación “facendo as achegas que considere oportunas para seguir prestixiando este galardón, o único das súas características en Galicia”.
Pola súa banda, Alejandro Rubín agradeceu a colaboración da deputación e dixo que o foro contará co 20 relatores e 14 candidaturas presentadas aos premios. “Entre os obxectivos do foro –explicou- figura o sensibilizar ás empresas sobre a necesidade de contar con estratexias de comunicación que transmitan a mensaxe axeitada ao cliente final, e o uso da comunicación innovadora como ferramenta diferenciadora da competencia”.
O foro ofrecerá un completo programa de conferencias e obradoiros orientados a analizar a situación actual que atravesan os profesionais da comunicación, marketing e publicidade e a poñer en valor as oportunidades laborais xeradas por un sector que afecta de xeito transversal a todo o tecido socioeconómico.
Contando co patrocinio da Deputación de Ourense, esta segunda edición do foro dividirase en dúas sesións temáticas. A da mañá máis orientada á comunicación empresarial e ós novos perfís laborais que demanda o mercado. A sesión de tarde estará dirixida aos profesionais do sector e incluirá tres mesas de debate nas que se abordarán temas de actualidade que afectan ó traballo diario en redaccións, gabinetes e axencias. En total, contará esta xornada coa participación de máis de 20 relatores entre os que se inclúen profesores universitarios, xornalistas, empresarios, emprendedores e representantes da administración e da Xustiza.
Para organizar o programa deste Foro, Expourense contou coa colaboración activa das Facultades vencelladas coa Comunicación das tres universidades galegas (en especial da de Ciencias da Comunicación de Santiago e da de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra), MARKEA (Asociación Galega de Marketing), DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia) e Creatividade Galega, entre outras entidades.
Un dos obxectivos desta edición é orientar aos titulados e especialistas na comunicación ou marketing a apostar polo emprendemento e o autoemprego, mediante proxectos relacionados coa comunicación. Por todo elo, serán expostos diferentes casos de éxito emprendedor neste sector e impartiranse obradoiros formativos.
Programa de conferencias
O programa de maña deste Foro da Comunicación inclúe conferencias dirixidas ás empresas para difundir a necesidade de contar con estratexias de comunicación axeitadas e para fomentar o uso da comunicación innovadora como unha ferramenta que pode diferenciar os seus produtos e servizos dos da competencia. Comezará cunha mesa redonda destinada a sensibilizar ás PEMES galegas sobre a necesidade de desenvolver estratexias que redundarán dun xeito directo e indirecto nos seus resultados económicos. Continuará cun panel que abordará a situación profesional dos especialistas en comunicación, o autoemprego e os novos perfís laborais xurdidos do novo contexto económico e da consolidación de novas canles de comunicación (social media) . Esta mesa inclúe a presentación de casos de emprendedores que acadaron o éxito no ámbito da comunicación, un deles premiado na primeira edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia.
A sesión de tarde, orientada xa a profesionais da comunicación, marketing ou publicidade, comezará coa mesa de debate sobre a igualdade de xéneros nos medios e contará coa participación da profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, Elvira Altes, que imparte un seminario “Bo xornalismo con perspectiva de xénero” que estará acompañada por un membro do Grupo de Investigación Cidadanía e Comunicación (CIDACOM) e por xornalistas destacadas na defensa da igualdade de xénero.
Outro dos temas abordados este ano será a mesa de debate que analizará a situación dos profesionais no ámbito da comunicación institucional e as funcións dos titulados en CC. Da Información nas administracións públicas.
A última das mesas abordará o tema do uso do galego na comunicación e nela participarán representantes do Consello da Cultura Galega, do Foro E. Peinador e a Asociación Punto Gal.
Programa de obradoiros
A novidade desta edición serán os obradoiros prácticos no que os asistentes poderán aprender a elaborar un Plan de Marketing da man do presidente da Asociación de Marketing de Galicia – MARKEA, Xosé Luis Reza. Tamén se impartirá outro sobre cómo activar a participación nos Social Media que correrá a cargo de Diego Rivera. Strategy & Creativity Director de Best Relations. Este programa complétase coa clase práctica sobre “cómo elaborar un Plan de Comunicación para unha PEME” que dará a profesora de Dirección en Comunicación no Grao de Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo, María Isabel Míguez.
Entrega II Premios á Comunicación Innovadora de Galicia
No marco do 2º Foro da Comunicación de Galicia convocouse a II edición dos “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia” que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega.
As categorías que concorren son as seguintes:
- Premio a Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME ou por entidades que agrupen a PEMES e empresas destas características.
- Premio á aplicación da Comunicación Dixital no sector xornalístico.
- Premio á Iniciativa Emprendedora no eido da comunicación.
- Distinción especial “Novos Talentos” no sector da comunicación.
Rematado xa o prazo de recepción de candidaturas, puideron optar a estes premios os profesionais e as pequenas e medianas empresas que desenvolvan o seu traballo no territorio da Comunidade Autónoma galega e tiveran realizado un labor destacado no eido da comunicación (xa sexa de ámbito empresarial ou xornalístico).
A distinción especial para Novos Talentos estivo aberta de maneira especial a estudantes das universidades e escolas profesionais relacionadas coa comunicación social ou corporativa.
A asistencia ao 2º Foro da Comunicación de Galicia é mediante convite a través dos organismos colaboradores e precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org, enviando un correo electrónico a rrpp@expourense.org ou chamando ó 988 36 60 30. Nesta web tamén poderá descargarse o bono desconto de RENFE do 35% para aqueles que acudan a Ourense en tren.