Manuel Baltar analiza con representantes de comerciantes e empresarios o impacto que terá en Ourense a «Vuelta a España» 2016
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse onte no Pazo Provincial con representantes dos empresarios, comerciantes e hostaleiros da provincia de Ourense para analizar con eles o impacto económico que terá para Ourense a saída da Vuelta a España 2016 da provincia ourensá.
Na reunión co presidente do goberno provincial participaron Ovidio Fernández Ojea, presidente da Federación de Hostelería de Ourense; Aurelio Gómez Villar, presidente da Federación de Comercio de Ourense; Juan Carlos Parada, presidente da Cámara de Comercio de Ourense, e Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Ourense.
O presidente do goberno provincial avanzoulles aos representantes de empresarios e comerciantes «a posibilidade real» de que, ademais da saída, tamén a segunda etapa da proba ciclista saia dun punto da provincia de Ourense, segundo as conversas que ven mantendo Manuel Baltar co director da «Vuelta a España», Javier Guillén.
Precisamente, no que atinxe á repercusión económica e social do evento, a organización da proba estima un retorno económico mínimo de 1,5 millóns de euros para a provincia de Ourense. Cinco días completos de todo o operativo –ciclistas, equipos técnicos e persoal administrativo, así como medios de comunicación e público en xeral-, suporán a ocupación de 2.500 prazas dos establecementos hoteleiros da capital e da provincia de Ourense, ao que hai que sumar os gastos de manutención e o impacto publicitario e promocional que este gran operativo terá en positivo para a provincia de Ourense.