Manuel Baltar afirma que investir en coñecemento e innovación “sitúa aos territorios na vangarda”
- O presidente do goberno provincial inaugurou onte en Ourense a VI Xornada científica da Asociación Galega de Médicos Forenses destacando «o labor e os investigadores que nesta rama da medicina temos en Galicia».
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo onte no acto de inauguración da VI Xornada científica da Asociación Galega de Médicos Forenses que investir en coñecemento e innovación «sitúa aos territorios na vangarda», e destacou «o labor e os investigadores que na rama da medicina forense temos en Galicia».
O presidente do goberno provincial participou no acto de inauguración xunto ao forense Fernando Serrulla, membro do comité organizador, e ao xefe territorial da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid. Baltar destacou a colaboración entre Deputación de Ourense e Xunta de Galicia «para levar a cabo accións formativas e de divulgación científica como é esta xornada, na que se dan cita expertos forenses de España, Portugal e Estados Unidos», e na que teñen especial relevancia os temas de plena actualidade sobre os que se debaten, centrados todos na medicina e psicoloxía forense do ancián.
Neste senso, ao longo de toda a xornada, que está co-organizada pola Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Médicos Forenses, ofreceranse relatorios sobre «Internamento psiquiátrico involuntario no ancián», «Instrumentos de avaliación en anciáns nos procesos de incapacidade civil», «Causas de morte xudicializada de anciáns», «Prevención da accidentalidade de maiores», «Maltrato ao ancián», e no ámbito internacional un relatorio sobre «Causas de morte en maiores no Norte de Portugal». O programa complétase con talleres sobre «Técnicas de autopsia» e «Entrevista clínica».
Fernando Serrulla agradeceu á Deputación de Ourense e a Manuel Baltar «o apoio que por parte do goberno provincial tivemos dende o primeiro momento para levar a cabo a organización e desenvolvemento da xornada» e destacou «o éxito de convocatoria, dado o número de expertos nacionais e internacionais que se dan cita neste evento científico no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense».