Manuel Baltar afirma que a cooperación entre Deputación de Ourense e Xunta «favorece o impulso de proxectos estratéxicos para a provincia»
- O presidente do goberno provincial asistiu onte ao acto de toma de posesión de Marisol Díaz Mouteira como nova delegada territorial da Xunta en Ourense.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou hoxe que a cooperación entre o goberno provincial e a Xunta de Galicia «favorece o impulso de proxectos estratéxicos para a provincia de Ourense, incrementando a competitividade e fomentando a creación de emprego». Baltar asistiu esta tarde á toma de posesión da nova delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a quen desexou «os mellores éxitos na andaina profesional que hoxe comeza, para a cal contará coa colaboración do goberno provincial porque se hai unha palabra clave que marca a liña do traballo da institución provincial esa é a «cooperación» entre institucións».
Manuel Baltar expresou que os logros que ten acadado a Deputación de Ourense, situándose na vangarda da xestión dos gobernos provinciais, «teñen como berce o traballo en equipo, a colaboración coas demais administracións e tamén co ámbito privado e, por suposto, contando sempre coa cidadanía,fin principal e destino do noso labor». Neste senso, avogou por seguir innovando dende a administración provincial, «coa tecnoloxía como aliada e as ideas e as potencialidades do territorio como base na que asentar proxectos colaborativos entre institucións», entre os que citou o Plan «Ourense, a provincia termal», que a Deputación desenvolve conxuntamente coa Xunta de Galicia, e iniciativas como a «Provincia Intelixente», o Plan de Competitividade ou mesmo a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente.