Manuel Baltar afirma no Foro Termal que o termalismo “será a forza motriz de Ourense”

Manuel Baltar, Nava Castro, na inauguración do Foro Termal

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Santiago, na inauguración do Foro do sector termal en Galicia, que o termalismo “non entende de ideoloxías porque o termalismo é a ideoloxía”, e subliñou que o termalismo “será a forza motriz de Ourense”, lembrando a Leonardo da Vinci na súa frase: “A auga é a forza motriz da natureza”.

O presidente do goberno provincial inaugurou na Cidade da Cultura, xunto á directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o foro sobre o futuro do sector termal en Galicia, no que se abordan as estratexias de crecemento, a internacionalización do turismo termal galego, a innovación e a competitividade aplicada ao termalismo, e no que tamén se presentou o Plan “Ourense, a provincia termal”.

Baixo o epígrafe “O sector termal galego. Estratexias de crecemento e retos de futuro”, no foro danse cita expertos en termalismo, académicos e representantes institucionais, quen expoñen as últimas novidades do sector termal así como as liñas estratéxicas de xestión e promoción do termalismo, que están a consolidar e potenciar a Galicia como o referente termal e sinaladamente á provincia de Ourense como destino singular de ocio e saúde termal.

Manuel Baltar dixo na súa intervención que a palabra “Termal” vai unida ao futuro de Ourense. “Termalismo e Ourense son xa sinónimos –dixo-, e a provincia termal está preparándose para recibir á alta velocidade, coa cal gañaremos en competitividade e achegamento”, e destacou que o punto común que nos une é a auga “a mellor de todas as cousas, como dixo Píndaro”, e convidou a “non desaproveitar este gran tesouro de Ourense”.

Sobre datos referidos ao sector termal, Baltar dixo que o cen por cen das prazas de turismo termal que se puxeron a disposición da cidadanía o ano pasado «estiveron ocupadas» e ratificou que en 2015 a provincia de Ourense “reforzará a súa oferta con dous novos balnearios, en Cortegada e O Carballiño, que sumarán unhas 200 prazas máis”. O presidente provincial reivindicou a importancia do turismo termal en Ourense e afirmou que o éxito de ocupación en 2014 fixo que no ano no que estamos se aumenten as prazas que ofrece a Deputación no plan de termalismo social.

Pola súa banda, Nava Castro ratificou o compromiso da Xunta de Galicia co termalismo ao que cualificou como “un dos eixes do plan turístico autonómico” ao tempo que destacou a importancia deste sector en Galicia.

No foro participou tamén Mario Crecente, redactor do Plan “Ourense, a provincia termal”, quen ofreceu un relatorio no que presentou dito plan, e Alejandro Rubín, director xerente de Expourense, quen abordou o tema “Termatalia, motor da internacionalización para o turismo de saúde de Galicia”. O foro contou asemade con José Antonio Fraiz Brea, director do máster de Dirección e planificación de turismo Interior e de saúde da Universidade de Vigo, quen falou da coordinación e planificación no ámbito do termalismo.

O programa completouse cun relatorio sobre “Hidroloxía médica”, a cargo de Juan Jesús Gestal Otero, director da cátedra de Hidroloxía médica da Universidade de Santiago, e cunha mesa redonda na que se debateu sobre os “Retos do turismo termal en Galicia. Innovación, calidade e competitividade como obxectivos”. Nesta mesa, que estivo moderada por Benigno Amor Barreiro, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, participaron José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade de Turismo de Galicia; Diego Otero Villaravib, presidente da Asociación galega de axencias de viaxes; Ramón Braña Cobas, director xeral de OCA Hotels; Antonio Freire Magariños, director da empresa Gala Termal; Argimiro Marnotes Rodríguez, alcalde do Carballiño e deputado provincia de Termalismo en Ourense, e María del Carmen Yáñez Salgado, alcaldesa de Lobios e presidente da sección de Vilas Termais da FEMP. A clausura do foro correrá a cargo de Fernando Fraile García, director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e de José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade de Turismo de Galicia.

A Deputación de Ourense lidera iniciativas de promoción, xestión e oferta de servizos termais conxuntamente coa Xunta de Galicia, como o Plan “Ourense, a provincia termal”, e tamén cos balnearios da provincia de Ourense. Nesta liña de traballo o presidente da Deputación de Ourense e os representantes dos balnearios da provincia veñen de asinar o «Convenio de colaboración para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal» 2015, unha iniciativa que supón a posta en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde termal.

También te podría gustar...