Manuel Baltar: “A “marca Ourense” poténciase coa proxección do noso termalismo”
O presidente da Deputación dixo na inauguración do Foro “Ourense, a provincia termal” que debemos actuar cunha visión global de provincia e co noso carácter emprendedor, “para destacar as nosas singularidades e sermos máis competitivos nos mercados”
Baltar avogou por “crer entre todos no potencial do noso termalismo como un eixo fundamental para o desenvolvemento provincial”
Ourense, 18 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na inauguración do Foro “Ourense, a provincial termal. Novos proxectos, novas realidades” que a “marca Ourense” “poténciase coa proxección do noso termalismo”, e que debemos actuar “cunha visión global de provincia e co noso carácter emprendedor, para destacar as nosas singularidades e sermos máis competitivos nos mercados”. Ademais, Baltar avogou por “crer entre todos no potencial do noso termalismo como un eixo fundamental para o desenvolvemento provincial”.
O Foro, organizado polo xornal La Región coa colaboración da Deputación de Ourense, reuniu a expertos, empresarios e representantes institucionais para debater sobre infraestruturas, servizos, programas e aspectos relacionados coa innovación termal, “nun momento no que estamos a dar pasos importantísimos para o desenvolvemento dun dos sectores estratéxicos da economía ourensá: o termal”, subliñou Manuel Baltar, quen engadiu que se están a abrir “novos ámbitos de actuación no termalismo como é o deportivo, que se une aos xa existentes: terapéutico e de ocio, para completar a oferta da nosa provincia, que conta xa con seis establecementos balnearios aos que se unirá moi pronto o Balneario de Partovia”.
O presidente provincial dixo que foros como este “son un gran acerto porque nos permiten afondar, debater e promocionar unha cuestión singular e moi importante. Non debemos esquecer que Ourense é a provincia de España con máis concellos termais: dez, e iso, unido á chegada da alta velocidade en 2018 converterá á nosa provincia no principal nó do AVE en Galicia, o que posibilitará que os visitantes se acheguen a Ourense para gozar da súa oferta termal, gastronómica, cultural e natural”.
“Temos coñecemento, capital humano, infraestruturas, riqueza natural e proxectos –dixo Baltar-, o que unido ao apoio das empresas, institucións e da universidade, fai que entre todos sigamos facendo Ourense e interioricemos o termalismo como unha gran oportunidade de crecemento económico e social”. Manuel Baltar destacou tamén os pasos dados dende que lle propuxera en 2012 á Xunta de Galicia colaborar para levar a cabo o Plan “Ourense, a provincia termal”, e as iniciativas que dende entón se levaron a cabo: a constitución do Consello e do Comité Termal Ourensá; a posta en marcha do Programa de “Termalismo Saúdable”; a incorporación dos cidadáns da eurocidade Chaves-Verín é de concellos doutras comunidades autónomas aos programas termais, e mesmo o esforzo orzamentario da Deputación de Ourense que nesta anualidade destinará unha partida de 2 millóns de euros para executar accións do Plan Termal.
O titular da Deputación foi presentado polo presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, e tralo acto inaugural interviñeron o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, e o xerente do Grupo Caldaria, Javier Soto, quen falaron de “Modernización dos balnearios de Laias e Arnoia”. De seguido, o alcalde do Carballiño e deputado provincial de Termalismo, Argimiro Marnotes, presentou a Carlos Garriga, representante do Balneario Caldas de Partovia, quen abordou o tema “O novo “Caldas de Partovia” do Carballiño: unha infraestrutura balnearia para o século XXI, mentres que o alcalde de Cortegada e o representante do Grupo Tesal, Tomás Ares, falaron do novo Balneario de Cortegada. O foro rematou coa intervención de José Juan Cerdeira, director da Área de Benestar da Deputación, que explicou “O programa de “Termalismo Saudable” da Deputación de Ourense: unha estratexia de cooperación entre o ámbito público e o sector privado”.