Manifestación da Plataforma de Emigrantes Retornados en O Barco
Como xa os comentábamos hoxe pola mañá, as 11:00h, a Plataforma de Emigrantes Retornados manifestouse diante do edificio de Facenda en O Barco.
Máis de 60 afectados, voltaron a reivindicar as súas demandas entendendo que as medidas tomadas polo goberno son insuficientes.
Ante o anuncio realizado no día de hoxe polo Goberno do Estado en relación coa tributación das pensións dos e das emigrantes retornadas, desde a Coordinadora Nacional de Plataformas de Emigrantes Retornados fan as seguintes valoracións:
1º.- Parabenizármonos por ter conseguido logo de máis dun ano de permanentes e intensas mobilizacións que o Goberno do Estado rectifique a súa posición e atenda ás demandas realizadas por miles de emigrantes retornados galegos nas rúas. Polo tanto queremos felicitar e agradecer o seu traballo e esforzo a todos os homes e mulleres que, en moitas ocasións con grandes dificultades, apoiaron as nosas mobilizacións.
2º.- Manifestar que se ben consideramos un avance as modificacións que a través da reforma fiscal vai realizar o Ministerio de Hacienda, se ven consideramos que segue sendo insuficiente e que polo tanto seguiremos mobilizándonos para conseguir os nosos obxectivos.
3º.- En relación coa decisión de devolver o cobrado en concepto de sancións e intereses aos emigrantes retornados, ven a evidenciar que como nós dicíamos foi cobrado indebidamente e isto non fai máis que poñer fin ao que nós sempre consideramos un roubo dos nosos cartos. Porén, aínda queda por aclarar como se van realizar estas devolución. Nós esiximos que se faga de oficio e a todas as persoas afectadas con carácter universal.
4º.- Con relación ao período extraordinario de regularización previsto para o primeiro semestre do ano 2015, está claro que supón un recoñecemento de que houbo un cambio de interpretación da lei por parte do Goberno, polo que solicitamos que non se aplique con carácter retroactivo e que a regularización afecte aos ingresos devengados no 2014 e non antes. Igualmente que se establezan medidas para facilitar o seu pago.
5º.- Ante o descoñecemento das obrigas por parte dos e das contribuíntes e tendo en conta as diferentes circunstancias que afectan a cada caso que se lles facilite a cada persoa afectada unha información veraz, clara e individualizada en relación coa obriga ou non de incluír nas declaracións os ingresos procedentes do estranxeiro.
6º.- Finalmente, estas medidas non resolven a cuestión de fondo, é dicir a discriminación coa que a lei 35/2006 trata as pensións percibidas no estranxeiro obrigándoas a tributar a tipos superiores a cantidades idénticas cando son percibidas no Estado. Polo tanto, esiximos que na reforma fiscal se inclúan as modificacións precisas no articulado da lei 35/2006, na liña do defendido polo BNG nunha proposición de lei, para termos un trato xusto e igualitario.
Para rematar manifestar que non admitiremos que se utilicen as nosas demandas e logros con fins electoralistas e que seguiremos loitando até conseguir que o Estado español non trate aos emigrantes retornados galegos con discriminación no cobro dos impostos. Non queremos ningún trato de favor, pero si un trato xusto.