“Maker Faire Galicia”: invencións, enxeño e creatividade
- O Programa de voluntariado dixital de Galicia publica unha nova convocatoria para colaborar na “Maker Faire Galicia”
- Este escaparate para as invencións, a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos celebrarase os días 1 e 2 de outubro no Pazo de Congresos de Santiago
- O pasado ano a Compostela Mini Maker Faire rexistrou máis de 18.000 visitantes e preto de 140 makers
- O Movemento Maker promove encontros no que as persoas mostran ao mundo as súas creacións, comparten o seu coñecemento e fan contactos profesionais
Os días 1 e 2 de outubro celebrarase no Pazo de Congresos de Santiago a “Maker Faire Galicia” un encontro que serve de escaparate para as invencións, a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos co obxectivo final de potenciar unha Galicia innovadora e colaborativa.
Tras o éxito da “Compostela Mini Maker Faire” celebrada o pasado outubro de 2015, onde se rexistraron máis de 18.000 visitantes e 138 makers, este ano, o evento escala en tamaño e deixa para converterse nun evento anual que servirá de punto de encontro para os mellores creadores de Galicia.
Inscrición
Por segundo ano consecutivo, o Programa Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia colabora con este evento buscando impulsar e facilitar a participación das persoas voluntarias na preparación e desenvolvemento da Maker Faire Galicia.
As persoas con curiosidade, creatividade e gañas de axudar, poderán apoiar este evento dende días soltos en fins de semana de setembro para a preparación de material ou elaboración de paneis e elementos decorativos ata o apoio na montaxe e desmontaxe do evento, na información a visitantes ou no desenvolvemento das propias actividades da Maker Faire.
Se estás interesado en colaborar como voluntario na Maker Faire Galicia rexístrate en Voluntariado Dixital e apoia este evento inscribíndote aquí.
Maker e Maker Faire
Un maker é un creador; un curioso por natureza, que quere aprender, divertirse, mellorar, compartir, resolver un problema e trata de facelo realidade, non se queda só na idea. Ademais de realizar os seus proxectos, compártenos en liña con makers de todo o mundo, o que lles permite unha innovación máis áxil, dando lugar ao que hoxe coñecemos como o Movemento Maker.
As ferramentas de fabricación dixital democratizáronse grazas ao desenvolvemento de espazos creativos compartidos (FabLabs, HackerSpaces, MakerSpaces e espazos de Coworking) e ao intercambio de coñecementos e información que se xera nestas comunidades de profesionais.
No que respecta á Maker Faire é a maior feira de makers do mundo, un escaparate para as invencións, a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos. É un lugar no que as persoas mostran ao mundo as súas creacións, comparten o seu coñecemento con quen quere aprender e fan contactos profesionais.
O obxectivo da Maker Faire é divertir, informar e conectar á as persoas para que a comunidade medre.
Programa de Voluntariado Dixital – VOLDIX
O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa, posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que conta xa con 700 aliad@s dixitais. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos (persoas maiores, persoas con discapacidade, etc).
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas.