Máis de mil escolares galegos participan no concurso de consumo responsable Consumópolis
Máis de mil escolares galegos de primaria e secundaria están a participar no concurso de consumo responsable Consumópolis, coordinado en Galicia polo Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Tras completar a primeira etapa, consistente nun percorrido dun xogo on-line sobre consumo responsable e calidade de vida, máis de 200 equipos de toda a comunidade están a traballar xa na segunda fase do certame, que nesta edición leva o lema O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo. Ponse así o foco sobre os cambios nos hábitos de consumo, conmemorando os 10 anos que ten xa o concurso e os 30 anos da entrada en vigor da Lei estatal para a defensa dos consumidores e usuarios.
O alumnado ten que elaborar antes do 6 de abril un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, que consiste na elaboración dun cartel que compare dúas formas de consumo do pasado e do presente.
Na fase autonómica establécense tres categorías por idades, con premios para os tres primeiros clasificados en cada unha delas que veñen de ser convocados a través do Diario Oficial de Galicia.
Ademais, os gañadores representarán a Galicia na fase nacional, organizada pola Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (Aecosan). Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, acumulando catro premios nacionais, o último o ano pasado.