Máis de 600 prazas para persoas maiores no programa “Benestar en balnearios”
- A Xunta de Galicia oferta ás persoas maiores máis de 600 prazas para estadías de dez días en balnearios de toda a comunidade
- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá martes a orde que regula a convocatoria do programa “Benestar en balnearios” da Consellería de Política Social
- O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación da orde no DOG e rematará o vindeiro día 7 de marzo. Os interesados xa poden acceder á información e ao modelo de solicitude na web http://benestar.xunta.es/web/portal/portada-de-maiores
- Nesta edición incorpóranse ao programa novos balnearios e ademais diminúe o importe que teñen que achegar os participantes en tanto que a Xunta nesta convocatoria contribúe ao prezo da praza nun importe medio do 27% do custe cando o ano pasado era do 20%
- Esta acción vai dirixida aos maiores de 60 anos ou de 55 que teñan a condición de pensionista. Os solicitantes poderán ir acompañados de fillos ou fillas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%
- O obxectivo da iniciativa é contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de descanso, convivencia e tratamento termal
A Xunta de Galicia ten lista unha nova edición do programa “Benestar en Balnearios” que impulsa a Consellería de Política Social e co que pretende contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de descanso, convivencia e tratamento termal; e así ocupar o seu tempo libre dun xeito activo e positivo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá martes a orde que regula a convocatoria desta iniciativa, que nesta ocasión oferta un total de 607 prazas repartidas por toda Galicia e dirixidas a persoas maiores de 60 anos ou de 55 reunindo a condición de pensionista.
Este programa desenvolverase, como en pasadas edicións, nos balnearios de Acuña en Caldas de Reis (Pontevedra); Arnoia en Ourense; Augas Santas en Ferreira de Pantón (Lugo); Baños de Brea en Vila de Cruces (Pontevedra); Baños de Molgas en Ourense; Caldelas de Tui en Tui (Pontevedra); O Carballiño (Ourense); Carballo (A Coruña); Cuntis (Pontevedra); Laias en Cenlle (Ourense); Lobios (Ourense); Río Pambre en Palas de Rei (Lugo); Termas Romanas de Lugo; e como novidade neste 2016 participan tamén o Balneario de Guitiriz (Lugo) e o Balneario Eurostars Isla de La Toja no Grove (Pontevedra). Outra das melloras da nova convocatoria é que diminúe o importe que teñen que achegar os participantes posto que a Xunta este ano contribúe ao prezo da praza nunha contía media do 27% do custe cando o ano pasado era do 20%.
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación da orde no DOG –isto é, o mércores 17 de febreiro- e rematará o próximo 7 de marzo. Os interesados xa poden acceder á información e ao modelo de solicitude na web do departamento http://benestar.xunta.es/web/portal/portada-de-maiores
Esta iniciativa facilita ás persoas con menos recursos a posibilidade de gozar duns días de tratamento termal en balnearios emprazados en Galicia. A duración da estadía é de dez días (nove noites). A mesma inclúe a estadía en habitacións compartidas, en réxime de pensión completa en balnearios, hoteis ou residencias; tratamento termal, segundo prescrición facultativa; e actividades de animación sociocultural.
Requisitos
Para participar nesta iniciativa é necesario ter máis de 60 anos ou de 55 reunindo a condición de pensionista; estar empadroado e residir en Galicia; valerse por si mesmo; e non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin trastornos mentais ou condutuais.
Tamén poderán participar os fillos ou fillas das persoas solicitantes que teñan un grado de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre e cando o podan facer sen necesidade de apoio de terceira persoa e se podan desprazar con autonomía e compartan a habitación coas persoas proxenitoras.
As solicitudes poderanse presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es (procedemento BS607A), nas xefaturas territoriais e nos centros sociocomunitarios. No caso das parellas que queiran acudir xuntas ao mesmo destino e quenda deberán presentar unha única solicitude para a súa baremación conxunta, acompañada da documentación que nela se indica.