Máis de 427.000 manuais distribuidos polo Fondo Solidario de libros de texto
- O Fondo Solidario de libros de texto distribuíu xa máis de 427.000 manuais
- Segundo os datos provisionais, case 127.300 alumnos son xa beneficiarios, ben do fondo, ben das axudas á adquisición de libros de texto
- Ademais ata o momento xeráronse 98.526 vales para mercar material escolar
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa ten distribuídos 427.634 manuais a través do Fondo Solidario de libros de texto para o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º e 3º de ESO; o que alcanza a 75.548 alumnas e alumnos. Trátase de datos provisionais, que se modificarán nas próximas semanas co avance da tramitación nos centros do reparto, así como coa adquisición complementaria de manuais.
Cómpre lembrar que a asignación se fai por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar e que, de darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquire os libros complementarios que sexa necesario.
Axudas
No referido ás axudas para a compra de libros, e tamén segundo os datos dispoñibles neste momento, foron xa concedidas para un total de 51.743 escolares de 1º e 2º de educación primaria, 2º e 4º de ESO e en educación especial.
As contías das axudas mantéñense respecto do curso 2015/16: 90 ou 170 euros, en función da renda, para Primaria; 104 ou 180 euros, tamén dependendo da renda, para ESO. Así mesmo, mantense que o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos, recibe un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar. Neste mesmo sentido, os menores que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia reciben a axuda máxima correspondente ao ensino e curso en que estean matriculados, sen ter que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.
Material escolar
No terceiro eixo do sistema, os vales para a adquisición de material escolar, constan na aplicación neste momento un total de 98.526 beneficiarios. Trátase de axudas de 50 euros destinadas ao alumnado matriculado na educación primaria, ESO e educación especial, cuxa renda per cápita familiar sexa igual ou inferior a 5.400 euros.
Cómpre lembrar que é requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar, ter devolto os libros, ben os utilizados do mesmo fondo o ano pasado, ben os adquiridos con cargo á convocatoria de axudas para a compra de libros de texto.