Máis de 25.000 menores de 19 anos dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’ coa que poden beneficiarse do transporte metropolitano gratis
- Un total de 25.223 menores de 19 anos xa dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’ da Xunta, coa que poden beneficiarse do transporte metropolitano gratis
- Os concellos galegos nos que máis tarxetas se adquiriron foron Vigo, onde se distribuíron 2.333; A Coruña, 1.931; Ames, 1.531; Ferrol, 1.488; Oleiros, 1.237; ou Santiago, 1.222
- A nova tarifa vai dirixida a persoas con idades entre 4 e 18 anos, incluídos, que é de cero euros nas viaxes interurbanas dentro do Plan de Transporte Metropolitano, cun número máximo de 60 viaxes mensuais por usuario
- Para a operativa desta tarifa establécese un medio de pagamento específico, a TMG Xente Nova, tarxeta que a expide gratuitamente a ABANCA
- O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares
Un total de 25.223 menores de 19 anos xa dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’, activada pola Xunta, coa que poden beneficiarse do transporte metropolitano gratis.
Os concellos galegos nos que máis tarxetas se adquiriron foron Vigo, onde se distribuíron 2.333; A Coruña, 1.931; Ames, 1.531; Ferrol, 1.488; Oleiros, 1.237; ou Santiago, 1.222.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda activou no pasado mes de agosto o servizo de cita previa para obter este dispositivo que permitirá a gratuidade do transporte metropolitano para menores de 19 anos.
O programa “Xente Nova” supón a implantación dunha nova tarifa que vai dirixida ás persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos, incluídos, -tendo en conta que os menores de 4 anos xa viaxan de balde nos autobuses metropolitanos-, que é de cero euros nas viaxes de carácter interurbano realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, cun número máximo de sesenta (60) viaxes mensuais por usuario.
Tamén é gratuíto o transbordo que se realice entre servizos interurbanos e urbanos, ou viceversa, cando forma parte dunha viaxe metropolitana. Ademais, na medida en que os concellos das principais cidades, que posúen transporte urbano propio, sigan a petición que lles formulou o Parlamento de Galicia o pasado 28 de xuño, a medida poderá estenderse tamén ao transporte urbano.
Para a operativa desta tarifa establécese un medio de pagamento específico, a TMG Xente Nova, tarxeta metropolitana que a expide gratuitamente a ABANCA, entidade colaboradora no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.
Carácter social do PTM de Galicia
O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.
Así, unha persoa titular da TMG Xente Nova que realice habitualmente percorridos definidos como “un salto” no sistema tarifario zonal do Plan, por exemplo entre Redondela e Vigo ou entre Narón e Ferrol, poderá aforrar 520 euros anuais adicionais, e unha que viaxe habitualmente entre Betanzos e A Coruña ou entre Baleira e Lugo, poderá aforrar 800 euros anuais, ao tratarse de percorridos que supoñen “dous saltos” no sistema zonal. Nos percorridos de “tres saltos” como entre A Estrada e Santiago, o aforro adicional pode acadar máis de 1.120 euros anuais.
Para tal fin, a Xunta de Galicia procesará quincenalmente os datos das viaxes pagadas con TMG Xente Nova para calcular os datos dos reintegros que deben operar respecto de cada tarxeta, que se porán a disposición das persoas usuarias os días 5 e 20 de cada mes nos caixeiros de ABANCA. Así, os consumos realizados entre o 1 e o 15 de setembro estarán a disposición das persoas usuarias a partir do 5 de outubro, e os realizados entre o 16 e o 30 de setembro, o estarán a partir do 20 de outubro.