Máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria de 84 centros educativos inician o curso con libros dixitais grazas á iniciativa e-Dixgal da Xunta de Galicia
Preto de 600 profesores impartirán as clases elaborando a súa propia “mochila dixital” a través dun entorno virtual de aprendizaxe. Esta plataforma tecnolóxica ofrece contidos curriculares gratuítos de dous provedores.
Os docentes poderán engadir recursos complementarios a estes contidos, desde ligazóns de interese a contidos de elaboración propia.
É un paso máis no desenvolvemento do Proxecto Abalar, que a Xunta puxo en marcha en 2010 co obxectivo de transformar as aulas tradicionais en dixitais.
Un total de 84 centros educativos galegos iniciarán o vindeiro día 10 o curso escolar 2014/2015 conectados á plataforma de contidos dixitais da Xunta. O entorno virtual de aprendizaxe ofrece contidos curriculares dixitais, e gratuítos para máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria, que serán accesibles tamén sen necesidade de conectividade.
É a primeira fase da iniciativa E-DIXGAL, que forma parte do Proxecto Abalar e que prevé alcanzar en tres anos a 22.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO. O investimento total é de preto de 2 millóns de euros e suporá un aforro total de 4,5 millóns de euros para a Administración autonómica e as familias.
Para a creación da plataforma tecnolóxica e a dotación de contidos abriuse un concurso público do que resultaron adxudicatarias as empresas Iecisa, Altia, Coremain e Netex. A plataforma ofrece, nesta fase, contidos curriculares para 5ª de primaria de dous provedores, a editorial EDEBÉ e a empresa de contidos dixitais Netex.