Máis de 19.000 alumnos e alumnas de Infantil, Primaria e Educación Especial inician o curso nos 116 centros escolares da provincia de Ourense

Comezo clases 14-15

  • Nos centros ourensáns de educación infantil están matriculados 6.111 escolares, o que amosa a liña descendente nas matriculacións nesta etapa educativa, e 12.973 en primaria
  • As clases comezaron con normalidade na provincia, agás no colexio de Manzaneda
  • O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou o CEIP “Curros Enríquez” de Celanova que conta con 273 rapaces matriculados e 25 profesores

Hoxe máis de 19.000 alumnos e alumnas, 19.206 concretamente, volveron ás aulas  con normalidade nos 116 centros escolares da provincia de Ourense que imparten os ciclos de educación infantil e primaria, e educación especial. Segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura e Educación, a matriculación en infantil cífrase en 6.111 escolares, mentres que en educación primaria son 12.973 os matriculados na provincia, o que reflicte un descenso na primeira etapa educativa. Cómpre destacar que ditos datos son provisionais e que varían ao longo do curso. No que atinxe a educación especial a provincia ourensá conta con 122 matriculados.

Nesta xornada inaugural de curso o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou o CEIP Curros Enríquez de Celanova para compartir coas súas alumnas e alumnos as primeiras horas do inicio do curso escolar e comprobar que a volta ás aulas desenvolveuse con normalidade nos centros educativos da provincia.

Rogelio Martínez , acompañado pola xefa territorial da Consellería de Cultura e Educación, Mercedes Gallego, e polo director e membros do equipos docente dos colexio percorreu as instalacións do centro que ten matriculado a un total de 273 rapaces e que conta con 25 profesores.

O delegado territorial coñeceu a actividade de concienciación ambiental que a Xunta, a través de persoal da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, desenvolveu o curso pasado neste centro, que incluíu a habilitación dunha aula ao aire libre na carballeira que linda co CEIP.

A práctica totalidade dos centros iniciaron a súa actividade sen incidencias, agás o de CEIP de Manzaneda no que os alumnos non asistiron ás clases por decisión dos seus pais.

Obras de mellora

Cómpre lembrar que o departamento autonómico que dirixe Xesús Vázquez Abad destinou  2 millóns de euros para reformas dos centros educativos da provincia durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica

O delegado territorial recordou que o Goberno galego ven de traballar arreo a prol da calidade educativa que, tal e como subliñou, “é posible grazas á profesionalidade do conxunto dos docentes do ensino público, sen os cales non sería posible a formación axeitada das xeracións máis novas”. 

Educación Infantil e Primaria

Segundo os datos provisionais da Xunta de Galicia, 6.111 alumnos e alumnas de Educación Infantil comezaron hoxe o curso, fronte aos 6.307 matriculados o curso pasado, o que supón un descenso na matrícula do 3,1%, derivado da progresiva caída na natalidade. A cidade das Burgas é onde se concentra un maior número de escolares cunha matrícula que ascende a 2.970 rapaces:

Comarcas Total Educación Infantil
A Limia 347
A Limia Baixa 56
Allariz – Maceda 243
O Carballiño 445
O Ribeiro 192
Ourense 3.580
Terra de Caldelas 21
Terra de Celanova 179
Terra de Trives 37
Valdeorras 469
Verín 477
Viana 65
Totais Ourense 6.111

Por tipo de centros, a matriculación queda do seguinte modo:

  2013/2014
Centros públicos 3.960alumnos
Centros privados non concertados + concertados 2.151alumnos
Totais 6.111 alumnos

Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apuntan que 12.973 nenos e nenas tamén iniciaron as clases de educación primaria, dos que 6.222 están matriculados nos centros educativos da capital. Nesta etapa educativa advírtese un lixeiro incremento de rapaces que se cifra en 191 matrículas, o que supón un 1,4% máis ca no curso pasado: 

Comarcas Total Educación Primaria
A Limia 698
A Limia Baixa 121
Allariz – Maceda 489
O Carballiño 937
O Ribeiro 423
Ourense 7.390
Terra de Caldelas 42
Terra de Celanova 462
Terra de Trives 90
Valdeorras 1.184
Verín 958
Viana 179
Totais Ourense 12.973

De cara a este novo curso nas aulas de educación primaria quedan do seguinte xeito:

2013/2014
Centros públicos 8.503 alumnos
Centros privados non concertados + concertados 4.470 alumnos
Totais 12.973 alumnos

Educación especial

No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso na provincia é de 122, dos que 83 rapaces cursarán en centros públicos, mentres que 39 o farán en centros privados con concerto.

 

 

Hoxe tamén empezaron a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados dende a Consellería. Ámbolos dous foron adaptados, un ano máis, ás necesidades existentes para o presente curso nos centros educativos, dando así resposta ás alumnas e alumnos.

También te podría gustar...