Madrid dedica unha rúa ao municipio de Muíños, no distrito de Vallecas
O Concello de Madrid ven de comunicar á Deputación de Ourense e ao Concello de Muíños a asignación dunha rúa no distrito de Vallecas dedicada ao municipio ourensán de Muíños. Segundo o escrito fechado o pasado 5 de xuño, a proposta foi aprobada por unanimidade no pleno do mes de maio, no que tamén se asignaron nomes a outras quince rúas da capital de España.
En concreto, a xa denominada “Calle de Muíños” atópase na zona industrial de La Atalayuela, entre as rúas Guadalcanal e Sierra de la Demanda. O expediente para a asignación do nome tivo a súa orixe en 2013, se ben os responsables municipais de Vallecas agardaron ao maior desenvolvemento da zona de La Atalayuela para facer efectiva a denominacións das novas rúas.
Manuel Baltar agradece ao Concello de Madrid que tivese a ben incluír no seu rueiro o nome dun municipio da provincia de Ourense, “algo que contribuirá a seguir promocionando este importante concello da Baixa Limia, caracterizado pola súa riqueza natural, monumental e paisaxística”. Tamén o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, amosou a súa satisfacción pola dedicación da rúa “o que supón unha axuda para que o noso municipio se coñeza e cada vez sexan máis os visitantes que se achegan á nosa contorna”.