Luis Rodríguez Míguez, Medalla de Ouro da Provincia de Ourense

  • A Deputación concederá a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense a Luis Rodríguez Míguez
  • Con este recoñecemento, o goberno provincial quere poñer en valor as importantes achegas de Rodríguez Míguez aos ámbitos da investigación e promoción do termalismo contemporáneo, como precursor dos estudos sobre as augas mineiro medicinais e o seu uso clínico
  • Manuel Baltar asinou hoxe a providencia para o inicio do expediente para a concesión da máxima distinción provincial e comunicóullelo á viúva do doutor Rodríguez Míguez, Mariluz Villar
  • O presidente da Deputación cualifica a Rodríguez Míguez como «unha voz autorizada do termalismo científico, que contribuíu a realzar e relanzar a maior singularidade que ten Ourense: a súa riqueza termal»

Mar Luz Villar e Manuel Baltar

 

A Deputación de Ourense concederá a Luis Rodríguez Míguez a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a título póstumo, un recoñecemento co que o goberno provincial quere poñer en valor as importantes achegas que Rodríguez Míguez fixo nos ámbitos da investigación e promoción do termalismo contemporáneo, como precursor dos estudos sobre as augas mineiro medicinais e o seu uso clínico.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comunicoulle hoxe á viúva do profesor Rodríguez Míguez, Mariluz Villar, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, os trámites que vai levar a cabo a Deputación de Ourense para a concesión da máxima distinción provincial. Neste sentido, Manuel Baltar asinou hoxe a providencia para o inicio do expediente, cuxa instrutora será a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino.

Manuel Baltar afirma que Rodríguez Míguez «sumarase á destacada nómina de persoeiros que teñen recibido a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, como o musicólogo Manuel de Dios, compositor do Himno de Ourense; Recaredo Paz, fundador de Aixiña; Xaime Quessada, artista plástico; o historiador e escritor Marcos Valcárcel, e o grupo musical «Los Suaves». «Unha merecida distinción para o doutor Rodríguez Míguez –destaca Baltar- que o foi todo no termalismo da nosa provincia e que contribuíu a realzar e relanzar a maior singularidade que ten Ourense: a súa riqueza termal».

Luis Rodríguez Míguez, médico, profesor universitario e escritor, naceu en Santiago de Compostela en 1932 e faleceu en Ourense en febreiro deste ano, logo dunha prolífica traxectoria profesional nos ámbitos da saúde e do termalismo. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, foi membro do Consello Termal Ourensán –órgano que avala o cumprimento do Plan Termal Provincial-, traballou como profesor nas universidades de Santiago e Vigo, foi director do Centro de Sanidade Ambiental de Santiago, xefe provincial de Sanidade de Ourense, director de Saúde da Delegación Territorial de Ourense e director xeral de Saúde Pública, ademais de profesor no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense.

Académico da Real Academia de Medicina, Rodríguez Míguez foi tamén membro da cátedra de Hidroloxía Médica da Facultade de Medicina de Santiago, e vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontología e Xeriatría. Recibiu destacados galardóns como as mencións de honra da Academia Médico-Cirúrxica de Ourense e da Real Academia de Medicina de Galicia, o premio nacional de Pediatría Social e a Medalla de Ouro da Vila do Carballiño, entre outros recoñecementos.

Entre os traballos que publicou figuran El termalismo en Galicia en la década de los ochtenta (1988); Estudio histórico bibliográfico del termalismo: principales surgencias de la provincia de Ourense (1995), e numerosos artigos en prensa e revistas especializadas, ademais de relatorios en congresos e seminarios nacionais e internacionais.

También te podría gustar...