Luciano Rivero renuncia como deputado da Deputación de Ourense, en aplicación do Código Ético da institución provincial
Luciano Rivero Cuquejo presentou esta mañá a súa renuncia como deputado da Deputación de Ourense, logo de coñecer o informe emitido polo secretario xeral da Deputación de Ourense sobre a prohibición de contratación para as persoas xurídicas participadas polos deputados provinciais, en concreto, no que atinxe á sociedade Abrea Cuquejo, S.L., na que ten unha participación social do 16,66 %.
Luciano Rivero aclara no escrito de renuncia que o informe do secretario xeral “conclúe que non hai responsabilidade legal de ningún tipo pola miña banda e que a facturación realizada á citada empresa debeuse a un erro administrativo”. “De todos os xeitos –explica-, tendo en conta o Código Ético e de Conduta da Deputación de Ourense, e baseándome no principio xeral de “Exemplaridade”, recollido no artigo 3 do dito código, que explícita en relación aos cargos electos da Corporación Provincial de Ourense o seguinte: “Ao ser “o espello” da institución no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense e minar a confianza da cidadanía na institución”, presento a miña renuncia ao cargo de deputado provincial da Deputación de Ourense”.