«Love of Lesbian» pecharán o ICC Week 2016 no que será o seu único concerto no noroeste
- «Love of Lesbian» ofrecerá en Ourense o seu único concerto no noroeste, como peche do ICC Week 2016
- O evento foi presentado hoxe polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen defendeu a potenciación da «Marca Ourense» e do «turismo musical» para a nosa provincia
- Baltar destacou que o ICC Fest «será tamén un escaparate para os grupos locais de Ourense», un dos cales será seleccionado para actuar como grupo convidado o día do concerto de «Love of Lesbian», que terá lugar no Pazo «Paco Paz» o 14 de maio
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe acompañado de Juan Rivas e de Manuel Araújo, coordinadores do Ourense ICC Week (o marco das industrias culturais e creativas de Ourense), o concerto que a destacada banda «Love of Lesbian» ofrecerá no Pazo dos Deportes «Paco Paz» de Ourense o vindeiro 14 de maio, única actuación que ofrecerá o grupo no noroeste da península e na que presentará o seu novo traballo discográfico.
O concerto será o colofón das actividades do ICC Week 2016, que organiza e promove a Deputación de Ourense «cos obxectivos de potenciar a «Marca Ourense», o turismo musical en Ourense e de que a nosa provincia sega a ser un referente na vangarda cultural e creativa como xa fomos o ano pasado coa ICC Week 2015″, afirmou Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial explicou que o concerto desta banda enmárcase no denominado «ICC Fest», «que este ano dará protagonismo á música en directo para que os ourensáns e quen nos visite poida gozar dun dos grupos de referencia na música rock e indie pop no noso país que destaca precisamente polo seu directo».
Manuel Baltar subliñou que o ICC Fest «será tamén un escaparate para os grupos locais de Ourense», un dos cales será seleccionado para actuar como grupo convidado o día do concerto de «Love of Lesbian», a través dun concurso que se porá en marcha na na web www.ourenseiccweek.com. O xurado estará formado por profesionais do sector musical como: Tomás Fernando Flores, director de Radio 3; Joan Luna, redactor xefe de Mondosonoro; Manuel Aguilar, músico e presidente da Fundación SGAE); Manuel Araújo, coordinador de ICC Week e director de Festival Arteficial, e Juan Rivas, coordinador de ICC Week, músico e presidente do Consello Territorial de SGAE en Galicia.
Potenciar o turismo musical e poñer a Ourense na vangarda da creatividade é, segundo Manuel Baltar, a finalidade deste encontro cultural que un ano máis levará por diferentes puntos da xeografía ourensá os temas de máis actualidade referidos ao ámbito audiovisual, musical e creativo. Desta maneira, preténdese que no ámbito do «turismo musical» se combine a industria musical co entretemento, a cultura, o turismo e a xestión cultural.
Ourense ICC Week
Ourense ICC Week (Marco das Industrias Culturais e Creativas) naceu coa intención de pór en valor este sector e destacar o impacto económico
que as persoas e empresas creativas xeran nos territorios. Ademais, o Marco ten un segundo obxectivo: sumarse a outras iniciativas que, desde a Deputación de Ourense, impulsan, constrúen e consolidan a marca «Ourense» a través do seu patrimonio natural, cultural, intanxible e creativo.
O marco das ICC é unha experiencia única para os seus talentos invitados xa que, ano tras ano, ICC Week revela unha Ourense rica en recursos culturais, turísticos e naturais dos que desfrutar durante a súa estancia. Un claro intento de crear fans, devotos, discípulos e novos embaixadores de Ourensanía.
ICC Week traballa no estudo e na análise de oportunidades nos sectores
culturais e creativos, seguindo as liñas das políticas europeas, poñendo o
foco de atención nas ICC ao consideralas un importante motor económico para as eurorrexións. As industrias da Música, a Propiedade Intelectual, o Cinema, a Xestión Cultural, volverán estar presentes dentro das xornadas do próximo Marco Ourense ICCweek, xunto coas Tecnoloxías de Información e Comunicación (TICs: Software, Computación, Tecnoloxía e Ciencias da Información), e a innovación e a creatividade no Turismo Cultural.