Los Limones & Catro Parroquias no ‘Cata a Arte’
O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle este mes de novembro o ciclo que combina música, gastronomía e literatura con cata de viños da D.O. Ribeiro.
O Consello Regulador da D.O. Ribeiro presentou días atrás a 8ª edición do ciclo ‘Cata a Arte’, unha actividade que inclúe presentacións e degustacións de cinco adegas deste territorio protexido acompañadas de accións culturais paralelas como poden ser a música, a poesía ou o ilusionismo.
O lugar onde se desenvolve esta iniciativa é o Centro Cultural Marcos Valcárcel e os días para anotar na axenda serán os xoves 3, 10, 17 e 24 de novembro. O aforo está limitado a 100 persoas por xornada, en horario de 20:00 a 22:00 h., e as prazas cubriranse por orde de retirada das entradas de forma presencial no lugar indicado.
Este xoves abre o ciclo Bodegas Loeda, adega que convida unha cata do seu viño branco treixadura Catro Parroquias 2021, degustación que estará acompañada do concerto en acústico que ofrecerá a mítica banda pop Los Limones.
EVENTO SOLIDARIO
O ciclo de catas como noutras edicións anteriores, terá carácter solidario. A recadación íntegra destinarase a AODEMPER, Asociación Ourensana de Esclerosis Múltipla, Párkinson e Enfermidades Raras.
Daquela, pedirase aos asistentes un donativo a favor desta organización sen ánimo de lucro que está axudando ás persoas afectadas por estas doenzas e ás súas familias dende o ano 1996.