Lerio un exemplo dos beneficios das axudas da orde de infraestruturas para os pequenos concellos e os seus cidadáns
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da Orde de Infraestruturas de uso público para os pequenos concellos e os seus cidadáns, que no caso de Leiro recibiron máis de 46.500 euros para pequenas actuacións.
Rueda visitou hoxe o concello de Leiro acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martinez, e do alcalde da localidade, Francisco José Fernández Pérez, e puido coñecer in situ as as actuacións levadas a cabo ao abeiro de varias subvencións da Xunta a prol dos concellos, como son a Orde de Infraestruturas de uso público e o Fondo de compensación Ambiental.
No caso das infraestruturas, o concello de Leiro recibiu máis de 46.500 euros para realizar o acondicionamento da praza Rei de Viana e a execución de beirarrúas en Bieite, dúas pequenas actuacións que redundan directamente no beneficio dos veciños.
A través destas axudas, a Xunta apoia aos concellos galegos para financiar estruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se prestan servizos administrativos. Ademais, tamén permiten subvencionar actuacións de mellora do alumeado público e pavimentación de vías municipais, obras menos “vistosas” pero fundamentais para a calidade de vida nun concello.
Fondo de Compensación Ambiental
Grazas ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental, o concello de Leiro xunto aos concellos de Arnoia, Beade, Cenlle e Cortegada -a Mancomunidade do Ribeiro-, recibiron o ano pasado unha axuda de máis de 50.000 euros para mellora do alumeado público na Ponte-San Clodio e para o mantemento e mellora dos servizos medioambientais da Mancomunidade.
O ano pasado, 2014, o Fondo de Compensación Ambiental achegou aos concellos galegos 8,7 millóns de euros a través das liñas de concorrencia competitiva e non competitiva. A convocatoria deste ano adiantouse respondendo a unha reinvindicación do municipalismo galego e volve a primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos.