Larouco terá unha achega de 7.500 euros para a adquisición dun brazo rozadora dentro das axudas aprobadas pola xunta A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aproba axudas por valor de 164.868 euros para infraestruturas, cultura e transparencia
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou axudas por valor de 164.868,16 euros para os ámbitos de infraestruturas, cultura e transparencia en favor de concellos e asociacións da provincia de Ourense. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao luns 30 de novembro.
En concreto, aprobouse unha axuda por importe de 56.311,38 euros en favor de Cruz Vermella (Delegación de Ourense), para a adquisición dunha ambulancia. Outras das axudas aprobadas foron para a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense por valor de 1.218 euros e de 18.526 euros para a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense Limiar, ambas para gastos de funcionamento das entidades.
Entre as axudas concedidas aos concellos aprobouse unha por valor de 12.499,16 euros para o Concello da Merca, para asfaltado do acceso a Zarracós; da pista da Medorra; do centro do pobo de Olas, e do acceso a Rubiás e Rebola. Para o Concello de Larouco aprobouse unha achega de 7.500 euros para a adquisición dun brazo rozadora e ao Concello de Xinzo de Limia, 15.125 euros para o proxecto Xinzo 5G. Por último, aprobouse unha axuda a favor da Mancomunidade Terra de Celanova por importe de 50.000 euros, para gastos de funcionamento, extinción e prevención de incendios correspondentes ao ano 2015.
Asemade a Xunta de Goberno aprobou a expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU-1006 Vilardevós-Vilarello da Cota, n.º 132/PB/2014, en Vilardevós. Por outra banda, aprobouse modificar o acordo da Xunta de Goberno do 6 novembro deste ano, polo que se aprobara a prestación dun servizo educativo de ensinanzas musicais de grao elemental en Xinzo de Limia, no relativo aos horarios nos que se imparten as clases.
Outro dos temas aprobados foron as bases reguladoras das convocatorias para a concesión de subvencións tanto para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións veciñais como para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense correspondentes ao exercicio 2016.