Laboratorio rural de economía circular en Xinzo de Limia

  • O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde estrea un laboratorio rural de economía circular
  • Esta infraestrutura, creada no marco do proxecto europeo Interreg V-A “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular”, nace con vocación de “axudar aos produtores e que sirva de revulsivo cara á necesaria transformación do sector primario para unha optimización na xestión de recursos”, afirmou Rosendo Fernández

 

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo de Limia, estreou hoxe o laboratorio rural de economía circular, creado no marco do proxecto europeo Interreg V-A “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular”. O obradoiro inaugural deste novo espazo tivo lugar hoxe, no marco das actividades de economía circular que centran a programación desta última xornada da “Mobile Week Ourense”. No acto participou o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente; xunto ao técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, Servando Álvarez.

Esta laboratorio rural nace co obxectivo de “axudar aos produtores e que sirva de revulsivo cara á necesaria transformación do sector primario para unha optimización na xestión de recursos e, todo elo, de xeito sinérxico cos labores que xa desempeña o propio Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro”.

Esta nova infraestrutura, dotada de maquinaria que se poñen a disposición dos produtores da provincia, estará aberto a todos os interesados que presenten unha proposta ou un proxecto de negocio que estea claramente vencellado coas estratexias de economía circular. Ademais, valorarase positivamente a inclusión nas mesmas de produtos endóxenos, perseguindo con isto a necesaria conservación da biodiversidade.

 

O Inorde pretende, como socio do proxecto “Circular-Labs”, “pechar o círculo dun sector primario competitivo, moderno e, por suposto, totalmente respectuoso co medio ambiente, mediante o impulso daquelas iniciativas que procuren  produtos, técnicas e procesos baseados na filosofía da economía circular. Entendida esta filosofía como unha ferramenta encamiñada a dinamizar o sector grazas ao aproveitamento integral de recursos, a minimización de materia prima e a optimización enerxética”, sinalou o presidente do Inorde.

O Inorde, no seu labor de desenvolvemento do sector primario, achega desde o Centro de Desenvolvemnto Agrogandeiro asesoramento e asistencia técnica, tanto a nivel de agricultura-forestal como de gandaría. “Un traballo constante e continuado ao longo de xa fai máis de vinte anos, tentando dotar aos principais artífices do sector (os agricultores e gandeiros), de novas ferramentas, modernas e tecnificadas que os axuden a facer fronte ás novas esixencias que os mercados lle requiren”, lembrou Rosendo Fernández.

Ao fío disto, cabe destacar que o Observatorio Económico Ourensán no seu estudo sobre o impacto da crise do Covid-19, avalou que neste período creceu o número de empresas un +3,40% e traballadores un +1,77% no sector primario, unha situación que non se produce en Galicia nin en España. En definitiva, durante a primeira ola da pandemia o sector primario en Ourense foi o que máis resistiu.

O proxecto “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular” no espazo ibérico está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. No proxecto participan, ademais do Inorde, a Fundación EOI, a Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, Deputación de Ávila, Concello de Valladolid, Universidade de Salamanca, Fundación Paideia Galiza, MAIEUTICA-Cooperativa de Ensino Superior – Maia, Instituto Politécnico de Bragança, ADITEC: Asociación Para o Desenvolvemento e a Innovación Tecnolóxica. Porto e o Municipio de Montalegre.

Mobile Week Ourense

Trala xornada inaugural do Laboratorio Rural de Economía Circular, á que acudiron pequenas empresas da provincia interesadas nesta nova infraestrutura, celebrouse un taller que baixo o título “Dixitalización, Sustentabilidade e Economía Circular”, estivo dirixido a produtores locais para a elaboración de packaging con impresoras 3D. Esta actividade pretendía que os asistentes pensasen en novos formatos orientados ás necesidades do mercado actuais, para xerar novas oportunidades comerciais.

También te podría gustar...