‘La Vuelta, deixará dos millóns de euros en cinco días

  • A «Vuelta a España» deixará en Ourense un retorno económico mínimo de 2 millóns de euros en cinco días
  • Manuel Baltar e o director xeral da «Vuelta a España» deron a coñecer onte a repercusión promocional e económica que o evento suporá para a provincia, cun movemento de 2.500 persoas na caravana e cunha audiencia total estimada en España de 2,3 millóns de espectadores
  • No ámbito internacional, o ano pasado 390 millóns de persoas de todo o mundo seguiron a «Vuelta a España» en 190 países, sendo os máis destacados desde o punto de vista promocional Portugal, Francia, Bélxica, Holanda, Noruega, Dinamarca, Italia, Estados Unidos e Canadá
  • A provincia de Ourense será a protagonista principal da 71ª edición da proba ciclista, pois o 10 % do percorrido da «Vuelta» correrase por estradas de Ourense, coa retransmisión da presentación no Balneario de Arnoia e a transmisión íntegra da primeira etapa, unha contrarreloxo entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Castrelo de Miño, dúas horas de televisión en directo para todo o mundo

 

Manuel Baltar e Javier Guillén

Manuel Baltar e Javier Guillén

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral da «Vuelta a España», Javier Guillén, presentaron onte no Castelo de Maceda os datos referidos á repercusión económica e mediática que terá para a provincia de Ourense a celebración de catro etapas da 71ª edición da «Vuelta» en territorio ourensán. Segundo destacou Javier Guillén, o retorno económico da proba ciclista suporá en cinco días uns ingresos mínimos na provincia de Ourense de 2 millóns de euros, no que atinxe á hospedaxe, manutención, combustible e demais gastos que ocasiona a presenza das 2.500 persoas que integran a caravana da «Vuelta a España», entre ciclistas, técnicos, persoal de apoio e de organización, seguridade e medios de comunicación, que contan xa con 1.198 xornalistas, fotógrafos e técnicos acreditados.

A audiencia total estimada en España é de 2,3 millóns de espectadores, mentres que no ámbito internacional, o ano pasado 390 millóns de persoas de todo o mundo seguiron a «Vuelta a España» en 190 países, sendo os máis destacados desde o punto de vista promocional Portugal, Francia, Bélxica, Holanda, Noruega, Dinamarca, Italia, Estados Unidos e Canadá.

A provincia de Ourense será a protagonista principal da 71ª edición da proba ciclista, pois o 10 % do percorrido da «Vuelta» correrase por estradas de Ourense (300 quilómetros), coa retransmisión da presentación no Balneario de Arnoia e a transmisión íntegra da primeira etapa, unha contrarreloxo entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Castrelo de Miño, que suporá dúas horas de televisión en directo desde Ourense para todo o mundo, ampliándose nunha hora a cobertura televisiva que TVE viña ofrecéndose en anos anteriores, e que permitirá unha inmellorable promoción da provincia ourensá na celebración desta edición da «Vuelta», denominada «Ourense Termal – Madrid».

Manuel Baltar dixo na presentación que esta liña de traballo de promoción e fomento do deporte na nosa provincia «intégrase no Plan de mandato Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, que abrangue iniciativas tanto para o deporte de base como de elite, e neste ano 2016, a alianza da institución provincial con «La Vuelta» sitúa á provincia de Ourense con especial protagonismo nunha das tres probas por etapas máis importante do mundo no ámbito do ciclismo».

O presidente do goberno provincial remarcou que «La Vuelta» «é algo máis que deporte, e así o reflicten os datos económicos e eventos como os que celebraremos nas semanas previas ao comezo da «Vuelta», con actividades relacionadas con «La Vuelta Junior» e como a reunión que se celebrará en xuño na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, na que se dará conta aos alcaldes dos concellos ourensáns polos que pasa a «Vuelta a España» da repercusión promocional que significará para os municipios a súa presenza en medios de comunicación de todo o mundo, reunión que servirá tamén para coordinar os dispositivos para o desenvolvemento da carreira, «que este ano está especialmente ligada á nosa provincia, algo tremendamente positivo para o noso territorio, pois relaciona a imaxe de Ourense cunha proba deportiva de relevancia mundial», expresou Manuel Baltar.

Pola súa banda, Javier Guillén destacou «a grande notoriedade que supón para Ourense a retransmisión da proba para todo o mundo, incluíndo ademais a presentación dos equipos, que terá lugar no Balneario de Arnoia o 18 de agosto», e subliñou a importancia de que «La Vuelta» se denomine «Ourense Termal–Madrid», «co que elo supón de promoción tamén do termalismo para a provincia de Ourense».

Guillén comentou «o grande reto» que supón para a organización de «La Vuelta» «mover diariamente toneladas de equipamento en 500 vehículos e a 2.500 persoas, que son as que integran a caravana da «Vuelta», todo un desafío de coordinación no que se une deporte, promoción, turismo e comunicación «dando como resultado un dos eventos máis seguidos polos espectadores e con maiores retornos económicos».

O acto de presentación de onte contou tamén coa presenza do alcalde de Maceda, Rubén Quintas; do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González.

A presentación de equipos terá luar en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense, a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra, e a sétima etapa sairá de Maceda. Catro etapas de máximo protagonismo ourensán, nas que a nosa provincia ofrecerá un gran escaparate ao mundo o vindeiro mes de agosto, co importante impacto mediático e promocional que elo supón nos máis de mil millóns de espectadores que se estima seguen a través dos medios de comunicación unha das probas ciclistas máis importantes do mundo.

Manuel Baltar e Javier Guillén na presentación dos datos económicos da Vuelta

Manuel Baltar e Javier Guillén na presentación dos datos económicos da Vuelta

También te podría gustar...