“La Marquesa non é unha prenda, é unha actitude”, Rebeca Núñez

  • Rebeca Núñez Fernández é unha rapaza cunha historia ben curiosa…

 

Despois de anos vivindo e traballando na Rúa, a mente pediulle un cambio de ciclo e colleu as maletas dirección A Coruña para embarcarse nun proxecto de Mahou. Tempo despois, e coa pandemia polo medio, case sen querer o destino tróuxoa de volta á súa terra de orixe para ser unha peza moi importante na Cova da Xabreira e soñar con ter unha marca propia que está dando moito que falar: La Marquesa de Seadur.

Rebeca Núñez é da Rúa de toda a vida, estudou no Pablo VI e despois marchou a Santiago onde sacou a carreira de Relacións Laborais. Pero non lle gustou e tiroulle a cabeza para a hostalería, oficio no que foi collendo experiencia despois de traballar nos veráns en bares como o Lunas e o Catro Camiños. Neste último, un clásico da Rúa, estivo en total 18 anos (2000-2018); dez sendo Pirri o dono e oito levándoo ela como autónoma.

“Vin que me gustaba moito a hostalería e foime ben eses anos”, comenta Rebeca ao tempo que engade “gústame moito relacionarme coa xente, pasalo ben traballando e estar moitos momentos rodeada de xente”.

 

Rebeca: Vin que me gustaba moito a hostalería e foime ben eses anos

 

 

Ao principio aos seus pais non lle gustaba nin entendían que tendo unha carreira estivera detrás dunha barra pero como adoita a pasar en moitos casos, ao ver que a rapaza era feliz e saía adiante foron restándolle importancia aos seus prexuízos.

CAMBIO DE CICLO

Transcorridos os dezaoito anos no ‘Catro’, e non dándose unha solución de continuidade por varios motivos, remataba a súa traxectoria no bar Catro Camiños. “E se isto pasa, por algo será”, di Rebeca lembrando como advertía naquel momento que se aveciñaba un fin de ciclo.

Non levaba nin un mes no paro cando un excamareiro do establecemento devandito chamouna da Coruña para un proxecto de Mahou. E alá foi para empezar a traballar no ‘Espacio Mahou’ como camareira. Un ano despois era xa a xefa de Cafetería.

Neste punto chegou a pandemia, e a Covid paralizou todo. Tempo despois, no 2020 e recén saída do confinamento, recibiu unha chamada da Rúa para un proxecto en Seadur. Non puxo moito empeño no asunto e traballou un tempo en Oleiros, no restaurante “Fogar do Santiso”.

Pero a cousa non quedou aí. Simón, o xerente dunha iniciativa empresarial de enoturismo en Seadur, chamouna e insistiu en que quería falar con ela en persoa para explicarlle ben o proxecto. “E fun á entrevista, case por educación… coñecía a Simón e alá fun a mirar”, lembra Rebeca. Nese encontro flipou co que tiña na cabeza o tal Simón, “faloume do proxecto e pensei que estaba como unha cabra, en pandemia e ter un proxectazo así…”.

A insistencia de Simón conseguiu que Rebeca acabara indo coñecer a cova, visita que a deixou fascinada, “por primeira vez en varios anos atopei entusiasmo por empezar algo, por ilusionarme, por algo”, confesa emocionada. “Vinlle brillar os ollos coa ilusión e pensei, eu a este rapaz teño que axudarlle”, comenta tamén.

 

A insistencia de Simón conseguiu que Rebeca acabara indo coñecer a cova, visita que a deixou fascinada

 

 

Con todo, o proxecto da ‘Cova da Xabreira’, en Seadur, empezou a traballarse no organizativo en xaneiro de 2021, e foi en xuño dese mesmo ano cando abriu as súas portas. Xa coa cabeza e os pes en Seadur, Rebeca volvía á súa terra, a moi poucos quilómetros da súa Rúa natal.

LA MARQUESA DE SEADUR

“Nunca vivirá nunha aldea tan pequena e aí me vexo, en Seadur, con outros dous rapaces chegados tamén de Coruña para traballar na Cova da Xabreira”, dinos Rebeca.

Todos sabemos que a xente do rural é desconfiada pero tamén hospitalaria, e neste caso a axuda cara estes ‘forasteiros’ foi moita. Atopar na porta ovos, tomates, patacas, etc, foi o normal o ano pasado. E así, día a día, foron familiarizándose, ela e os seus compañeiros, coa veciñanza.

 

Rebeca: “Nunca vivirá nunha aldea tan pequena e aí me vexo, en Seadur, con outros dous rapaces chegados tamén de Coruña para traballar na Cova da Xabreira”

 

 

No seu caso, unha veciña, Fina, empezou a dirixirse a ela como “A Marquesa”, porque segundo o seu punto de vista retranqueiro, “vivía como unha marquesa”. E aquí empeza a xermolar inconscientemente a marca de Rebeca, grazas ao mote que lle puxo esta veciña de Seadur.

A liberación do mandil estaba en camiño…

De súpeto “tiven que volver poñer o mandil para traballar… Ao poñelo sentín algo de vergoña, nunca puxera mandil e fíxome pensar… tiña que liberar o mandil!”, reflexiona a nosa protagonista. Dándolle máis voltas a ese sentimento de vergoña previo pensaba para si “a vida é curta, vístete como queiras. O único que lembrará a xente é de como es e non de como vistes”. E aquí chega o arco te transformación mental, Rebeca pasa de darlle vergoña o mandil a poñelo sen complexos. Tanto é así que na actualidade ata o leva posto pola Coruña.

 

Rebeca pasa de darlle vergoña o mandil a poñelo sen complexos

 

E así foi como empezou a facer mandís, como peza única e sen necesidade de atar por detrás, como un peto, para entendernos. Cada modelo leva o nome de mulleres importantes na súa vida –como a súa avoa á que lembra sempre co mandil posto– e ela só se encarga de mercar as teas nas feiras e mercadiños e de  facer os deseños e a patronaxe. O traballo de coselos xa llo fai unha amiga modista, Mercería Entredos da Rúa. “Quero aprender a coser e igual nun ano xa podo eu facer tamén ese traballo”, adianta Rebeca.

Empezou como quen non quere a cousa pero na súa cabeza collía forza a idea de vendelos. “Acabarei vendendo  mandiles” –díxolle a un amigo– e este contestoulle, “pois deberías, ti o que sabes é vender”.

 

O caso é que lle contou a idea de montar unha marca a María Figueiral, unha amiga que coñeceu cando traballou en Mahou e que ten unha empresa de marketing e comunicación –LaNaval–. “Conteille o proxecto e que quería chamarlle á marca ‘La Marquesa’ e animáronme, dixéronme que era boa idea, que adiante”, explica Rebeca. E así empezou esta aventura para ela, fixéronlle o logo, o branding… e a finais de xaneiro deste 2022 a web coa tenda online estaba activa para mandar mandís a todo o mundo.

Preguntámoslle polas súas expectativas e dinos que non ten obxectivos, quere vivir o momento e xa se verá. “Quero que a xente o goce onde queira… ver á xente cun mandil meu faime moi feliz”, dinos tamén con gran satisfacción.

 

Como anécdotas comentar que o ‘modelo Fina’, da veciña de Seadur que a inspirou para o nome da marca, é un dos máis solicitado e que xente como o famoso cociñeiro Anxo Trives xa lle encargou un.

-Como nos despedimos, Rebeca?

“La Marquesa non é unha prenda, é unha actitude” –sentencia–.

Imaxes

 

  • Autor: Xosé Manuel Fdez.
  • Fotos: Rebeca, Carol y Gago

 

También te podría gustar...