‘José Suárez. Un ollos vivos que pensan’ maior exposición realizada ata agora sobre o fotógrafo galego

Cultura e Educación presentará o 13 de novembro no Gaiás a maior exposición realizada ata agora sobre o fotógrafo galego José Suárez.

  • ‘José Suárez. Un ollos vivos que pensan’ será a mostra máis exhaustiva ao redor do fotógrafo de Allariz, con series nunca antes expostas e establecendo por primeira vez unha relación entre a súa obra e a súa extraordinaria biografía
  • A exposición estará aberta ata o 27 de marzo de 2016 con entrada de balde e, posteriormente, iniciará unha itinerancia para dar a coñecer a obra deste fotógrafo por Iberoamérica

20061007094334-suarez-marinheiros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá desde o 13 de novembro ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, a maior exposición realizada ata o momento sobre este fotógrafo de Allariz, considerado un dos grandes nomes da fotografía do século XX.

A mostra, que reunirá desde as súas imaxes máis icónicas ata series nunca antes expostas, pretende resituar ao fotógrafo de Allariz no punto que lle corresponde na historia da fotografía de Galicia e España, así como estender ao gran público o amplo recoñecemento que obtivo en vida por parte de intelectuais como Miguel Unamuno, Rafael Alberti, Francisco Ayala, Luís Seoane ou Eduardo Blanco Amor.

Comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, dous nomes de referencia no estudo e divulgación da fotografía galega, a mostra conta cun total de 206 fotografías e, a diferenza doutras exposicións realizadas antes, exhibirá tamén 150 obxectos persoais. Deste xeito, o visitante poderá comprender mellor a evolución creativa de José Suárez, achegándose á apaixonante biografía deste fotógrafo no seus viaxes por Arxentina, Uruguai, Chile ou Xapón e aos seus encontros con personaxes tan relevantes, como o cineasta Kurosawa.

A montaxe da exposición aumentará o seu atractivo xa que o deseño de Alfonso Penela, referencia da arquitectura galega contemporánea, empregará todos os recursos do Museo Centro Gaiás para potenciar a expresividade das imaxes en branco e negro de José Suárez.

Patrocinio privado
A mostra permanecerá aberta ata o 27 de marzo, de martes a domingo de 10 a 20 horas. A súa entrada será de balde e, como todas as actividades do programa cultural do Gaiás, estará financiada con cargo ás aportacións das empresas que formaban parte da Fundación privada Gaiás

Co obxectivo de estender o coñecemento da obra de José Suárez fóra de Galicia, precisamente naquelas países onde viviu, a exposición ten prevista a súa itinerancia. O primeiro destino será Arxentina, con motivo da Feira do Libro de Bos Aires, dedicada a cidade de Santiago de Compostela na edición de 2016.

José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) é unha das figuras máis interesantes e destacadas da fotografía galega do século XX. Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, José Suárez rebélase como un artista consciente da súa autoría. A súa obra reflexa unha gran preocupación humanista, incorporando novidades formais propias dos movementos de vangarda europeos como a Nova visión ou a Nova obxectividade.

Na exposición do Museo Centro Gaiás, o visitante poderá contemplar series tan coñecidas e importantes como ‘Mariñeiros’, realizada a mediados dos anos 30 e que chegou a ser exposta en París ou Madrid; pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón –unha primeira no 53 e unha posterior, aínda que menos destacada, nos anos 60-, ou das últimas que realizou na súa vida como ‘A Mancha’ (1965).

También te podría gustar...