José Sousa, premio Ourensanía 2016, «Eu falo o idioma do cine»

  • A «Ourensanía» 2016 recoñece ao produtor José Sousa «a súa galeguidade e capacidade integradora e multicultural», afirma Manuel Baltar
  • No acto oficial de entrega do galardón, celebrado hoxe no Teatro Principal de Ourense, o presidente da Deputación destacou que Sousa «non esqueceu nunca dúas marcas de ourensanía: a súa terra nai e o seu interese pola arte», elementos que integran esa maneira de ser e de sentir Ourense, «unha cultura a través da cal abrímonos ao mundo»
  • José Sousa lembrou que foi no cine Regueiro de Celanova, nos anos sesenta, «onde todo comezou. Alí quedei abraiado polas imaxes, o son e o sentimento, e dixen que iso é o que eu quería facer na miña vida»
  • O xurado do premio «Ourensanía» destacou de Sousa a súa importante carreira cinematográfica en Venezuela, «que o colocaron como un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica de Iberoamérica»
  • No acto, Baltar anunciou que a Deputación de Ourense organizará unha gran exposición titulada «Tempore Suevorum», o tempo dos Suevos na Gallaecia, «a primeira mostra sobre o primeiro reino medieval de occidente, creado no ano 414»

sousa-jos-nov-ourensana-16

 

O produtor ourensán de cine José Sousa (Ramirás, 1951) recibiu hoxe, día de San Martiño, patrón de Ourense, o Premio «Ourensanía» 2016, nun acto celebrado no Teatro Principal de Ourense, que contou coa participación dos presidentes da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ademais de persoeiros dos ámbitos institucional, cultural e social de Galicia.

O premio «Ourensanía» nesta sexta edición recoñece a José Sousa «a súa fonda galeguidade, a súa capacidade integradora e multicultural, e o feito de que non esqueceu nunca dúas marcas de ourensanía: a súa terra nai e o seu interese pola arte», afirmou Manuel Baltar no seu discurso, engadindo que estes son elementos que integran esa maneira de ser e de sentir Ourense, «unha cultura a través da cal abrímonos ao mundo».

O xurado do premio «Ourensanía» destacou de Sousa, propietario da productora Xenón Films, a súa importante carreira cinematográfica en Venezuela, «que o colocaron como un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica de Iberoamérica»

O presidente do goberno provincial expresou que ao elenco de relevantes persoeiros que foron galardoados con Premio «Ourensanía», entre os que citou a José Antonio Vázquez Taín, Xosé Rodríguez Carballo, Victoria Prego e Mariluz Barreiros «únese agora o nome de José Sousa, un ourensán que de moi novo emigrou a Venezuela e traballo moi duro ata chegar a ser un referente da actividade cinematográfica daquel país». «Hoxe –destacou Baltar-, con trinta e sete películas no seu haber, é unha das figuras máis importantes da industria audiovisual de América Latina e un ourensán exemplar, feito a si mesmo, e un ser humano que, a pesares da traxedia familiar que tivo que afrontar recentemente, mantense firme no seu rumbo vital, traballando, creando e sentíndose ourensán, galego, español e venezolano».

O presidente da Deputación de Ourense dixo que este sentimento de ourensanía, ao que definiu afirmando: «Trátase de ver medrar a herba», expresou que a «personalidade ourensá» enmárcase «nun concepto integrador que nada ten que ver con rivalidades territoriais e con reducionismos cantonais, actitudes trasnoitadas e caducas no mundo actual». «Trátase –remarcou- de liderar, ter discurso, estar preparados, non dubidar, facer e crear».

«A ourensanía –destacou Baltar- converte esta terra en capital internacional, ben sexa no ámbito do deporte, coa Vuelta Ciclista; na literatura, con Congreso do PEN Internacional; ou na arte e no estudo do noso patrón, co cumio sobre San Martín, que comeza o vindeiro luns», e sinalou que ourensanía tamén propicia que a nosa provincia «acolla a primeira misión comercial USA da historia, avalada polo goberno dos Estados Unidos, unha ourensanía firme, sen límites, que se exerce e que pisa forte aló por onde vai».

Manuel Baltar citou tamén a relevancia que a ourensanía «ten tamén nas augas dos nosos ríos, onde naceron dez medallas olímpicas nos recentes xogos olímpicos de Brasil, ou na música de Nico Casal, ourensán de Rairiz de Veiga que gañou este ano un Oscar de Hollywood,e, como non, a ourensanía de Carlos Casares, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2017».

O presidente provincial subliñou que este galardón que personifica o sentimento de ourensanía «recolle as esencias de San Martiño, que abrangue unha valentía e xenerosidade que perdurou durante 1.700 anos, e tamén do Magosto, unha tradición moi nosa, un rito ancestral que recolle a forza nutricia da terra propia, a castaña asociada ao lume vivificador e a ao outono como garante do calor do lar fronte ao rigor da invernía».

No acto, Manuel Baltar anunciou que a Deputación de Ourense organizará unha gran exposición titulada «Tempore Suevorum», o tempo dos Suevos na Gallaecia, «a primeira mostra sobre o primeiro reino medieval de occidente, creado no ano 414», e engadiu: «Onde será? A resposta está en Ourense, como diría o premio Nobel de Literatura, a resposta está na ourensanía».

O presidente provincial tivo tamén unhas palabras de lembranza para Leonard Cohen, falecido onte aos 82 anos, de quen dixo que a ourensanía «viu sentiu e emocionouse con el no Pazo dos Deportes «Paco Paz no ano 2010», e no mesmo ámbito musical lembrou «a ourensanía de Los Suaves, a mellor banda de rock de España, Medalla de Ouro da provincia».

José Sousa: «Eu falo o idioma do cine»

Pola súa banda José Sousa agradeceu o galardón á Deputación de Ourense, ao presidente Baltar e ao xurado, «da mellor maneira que sei: falando o idioma do cine», para, de seguido, deixar paso a un documental no que relataba en primeira persoa a súa traxectoria vital e profesional, con momentos de fonda emotividade como foi o da lembranza da súa dona, «piar fundamental no persoal e no noso éxito empresarial», e do apoio que tivo das súas fillas, familia e amigos. Sousa lembrou que desde a súa aldea de Ver, en Ramirás, a primeira vez que se achegou ao sétimo arte foi no cine Regueiro de Celanova nos anos sesenta. «Alí quedei abraiado polas imaxes, o son, o sentimento… e dixen para min mesmo que iso é o que eu quería facer na miña vida».

Alberto Núñez Feijoo tamén glosou a traxectoria do premiado referíndose á súa infancia. «José Sousa soubo de neno que a imaxe era o seu camiño, e logo de coñecer o seu Hollywood particular en Celanova dedicou a vida ao arte universal do cinema, e hoxe e unha exemplar mostra da ourensania que con acerto se promove desde a Deputación de Ourense». Feijoo dixo sentirse ledo «por que o primeiro acto público no que participo despois da miña investidura sexa en Ourense, acto no que poñemos en valor a ourensanía, un concepto intelixente e integrador de identidade universal».

O Premio «Ourensanía» é un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

José Sousa, nacido no lugar de Ver (Ramirás), emigrou a Venezuela aos 14 anos. O seu traballo no ámbito da industria cinematográfica venezolana cóntase a través de centos de producións audiovisuais, curtametraxes, documentais e spots publicitarios., realizados ao longo das tres últimas décadas, se ben o seu prestixio como cineasta aséntase na implicación en preto de 40 longametraxes, como «El manzano azul», «Reverón», «El malquerido» ou «La casa del fin de los tiempos», que teñen conseguido premios e os máximos niveis de aceptación por parte do público hispanoamericano e que o manteñen instalado na vangarda permanente da cinematografía de América Latina.

No seu ditame, o xurado fixo mención explícita, ademais, á súa dona Jackeline Salazar, (asasinada a finais do pasado mes de agosto por mor do clima de desatada delincuencia coa que conviven hoxe en día os venezolanos) e que aínda sendo venezolana de nacemento era unha gran admiradora de Ourense. «Sen a intervención de Jackeline Salazar, como vicepresidenta da Productora Xenon Films, non sería posible entender tan abondoso traballo na industria audiovisual venezolana coma o que ten levado a cabo a devandita produtora», expresou o xurado.

Con este recoñecemento, o xurado desexa así mesmo pousar unha mira especial á complexa situación socio política que vive hoxe en día aquel país e aproveitar o nome de José Sousa para enviar unha mensaxe de afecto e solidariedade á comunidade ourensá, en particular e galega en xeral de Venezuela, que está vivindo nunha encrucillada histórica, vítima da descomposición social dun país ó que tanto lle debe economicamente a nosa provincia.

No decurso do acto de hoxe, conducido polo xornalista Juan Maceiras, o galardoado recibiu unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. Proxectouse ademais un documental sobre a vida e a traxectoria profesional de José Sousa, e no apartado musical actuou a Real Banda de Gaitas, que fixo o tradicional percorrido co premiado e coas autoridades desde a Deputación ata o Teatro Principal, e xa na gala actuaron o dúo integrado por Maria Luz e Raquel Rivera, e a Coral de Ruada, que pechou o acto interpretando «Ourense ao lonxe» e de «Ourense no solpor», himno oficial da Provincia de Ourense.

O xurado do Premio Ourensanía 2016, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense, Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Juan Luís Saco, catedrático e intelectual.

Imaxes:

image_gallery-1

image_gallery-2

image_gallery-3

image_gallery-5

image_gallery

También te podría gustar...