IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

  • Convocada a cuarta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
  • O certame, promovido polo Festival Outono Fotográfico, pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Lugo, promove novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía

image_gallery (1)

 

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea celebra a súa cuarta edición co obxectivo de “seguir impulsando novas creacións na linguaxe contemporánea neste ámbito das artes visuais”. Así o explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación do certame, promovido pola Xunta de Galicia, pola Deputación Provincial de Lugo e polo Festival Outono Fotográfico.

“Esta meta foi a que guiou a traxectoria do premio desde 2013 e este segue a ser o horizonte dunha iniciativa que gañou por méritos propios un lugar ben destacado no panorama de certames do ámbito da creación cultural contemporánea, tanto dentro coma fóra de Galicia”, afirmou o secretario xeral.

Os impulsores e coordinadores deste premio son Vítor Nieves, que é tamén o comisario da exposición que se realiza co traballo gañador en cada edición; e Xosé Lois Vázquez, director, ademais, do Outono Fotográfico. Ambos explicaron as principais características do premio, que conta tamén co apoio da Deputación de Lugo, representada na rolda pola deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto.

image_gallery (2)

 

Difusión do proxecto premiado

O premio está dotado con 10.000 euros, que se destinan á produción dunha exposición temporal, a cargo do Outono Fotográfico, que se inaugurará entre os meses de novembro e de decembro de 2016. A exposición será inaugurada na cidade de Lugo, e itinerará durante dous anos dentro da programación do Festival Outono Fotográfico e tamén da programación que promovan con tal motivo tanto a Deputación de Lugo como a Xunta de Galicia.

A edición do libro co traballo gañador, dentro da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF, completa o galardón deste certame fotográfico. Ademais, unha selección de fotografías do proxecto formará parte do libro do Festival Outono Fotográfico do ano seguinte.

Os autores e as autoras participantes deberán presentar un proxecto fotográfico realizado en calquera data comprendida entre setembro de 2006 e setembro de 2016, e que non fora subvencionado ou recibise unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica terán absoluta liberdade.

Aberto o prazo de presentación

O prazo de presentación das obras será desde hoxe ata o 15 de setembro de 2016 e os proxectos enviaranse por correo ou por medio de calquera empresa de transporte a Difusora de Letras Artes e Ideas no enderezo postal que se especifica nas bases do certame.

Entre os proxectos que se presenten, o xurado seleccionará tres –atendendo á linguaxe visual do autor ou da autora, á calidade fotográfica, á contemporaneidade–, que serán os finalistas. Os nomes dos autores ou autoras publicaranse o 22 de setembro de 2016 enwww.outonofotografico.com e nas redes sociais do festival. Corenta e oito horas despois, o xurado designará ao gañador ou gañadora de entre os finalistas, e o seu nome será publicado nas referidas canles.

También te podría gustar...