Investimento de máis de tres millóns de euros nas obras de mellora do abastecemento de Cenlle, San Amaro e Punxín
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de máis de tres millóns de euros nas obras de mellora do abastecemento de Cenlle, Punxín e San Amaro que a Xunta prevé rematar este ano.
A titular de Medio Ambiente supervisou esta mañá en Cenlle o inicio destas obras hidráulicas e salientou o interese do Goberno por colaborar cos concellos para garantir o dereito dos cidadáns a un subministro de auga axeitado en calidade e cantidade.
Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e os alcaldes de Cenlle, Gabriel Alén; de San Amaro, Ernesto Pérez; e de Punxín, Manuel Vázquez, destacou que esta obra, que dará servizo á poboación de San Amaro, Punxín e Cenlle, beneficiará a máis de 3.000 habitantes dos tres concellos cando esteas rematadas.
A conselleira de Medio Ambiente salientou que son unhas obras hidráulicas dunha relevancia estratéxica para estes tres concellos, porque permitirán erradicar os problemas que ten a rede de abastecemento na actualidade e solucionar os déficits na subministración de auga que se producen no verán.
O proxecto, que executa Augas de Galicia, levará a cabo as actuacións necesarias para erradicar os problemas que ten a rede de abastecemento na actualidade nestes tres municipios ourensás. Como solución ofrecerase unha subministración de auga tratada, dende ETAP de Razamonde (que capta auga do río Miño), aos núcleos e depósitos pertencentes a estes tres concellos e que estean situados por riba da cota de máis de 250 metros.
En definitiva, esta actuación implica a definición de tres novos depósitos con capacidade de 775.000 litros, instalar máis de 30 km. de tubarias de auga e novos bombeos para chegar tamén aos núcleos máis elevados.
Situación actual do abastecemento
A ETAP de Razamonde, no Concello de Cenlle está potabilizando unha media de 330 metros cúbicos ao día e ofrecendo servizo ao 45 por cento da poboación. O resto da subministración procede de pozos de barrena.
Mentres, o Concello de San Amaro subminístrase por medio dunha captación dun regato e de pozos profundos e en época de estiaxe o leito do regato queda case seco, polo que a poboación debe abastecerse unicamente dos pozos, sendo insuficientes ademais de comportar restricións na subministración.
Finalmente, no Concello de Punxín o abastecemento realízase con pozos profundos, nos que tamén se detectaron problemas de contaminación. Ademais, este municipio tamén capta auga do río Barbantiño, que ten problemas en época de estiaxe.
Contido do proxecto de melloras
Na ETAP de Razamonde manterase o actual sistema de potabilización e bombeo ata o depósito de Razamonde e construirase un edificio ao lado para bombear auga potabilizada ata o alto de San Trocado, onde se construirá un depósito regulador con capacidade de 500 metros cúbicos.
Dende este novo depósito execútase unha rede de abastecemento en alta para o concello de Punxín, ata Barbantes enlazando coa rede xeral do concello, na estrada N-540. En Barbantes construirase un novo depósito de 75 metros cúbicos, e ao mesmo tempo subminístrase auga aos depósitos de Ourantes, Ventosela e Rubiás.
Proxéctase tamén unha rede de distribución en alta dende o novo depósito de Trocado regulador ata os depósitos de cabeceira de San Amaro e de Cenlle, estes últimos de nova execución cunha capacidade de 200 metros cúbicos de capacidade.
Dende o novo depósito de Cenlle, darase subministración así depósitos de Sadurnín, Vilar de Rei, A Quintá, Lentille e Esposende.
Colaboración cos concellos
Dende a pasada lexislatura a Xunta mantén o seu compromiso e colabora con aqueles concellos precisan orzamento para a execución das obras de mellora dos servizos.