Instalaranse canóns de neve artificial na estación de Manzaneda por valor de 1,5 millóns de euros

  • A Deputación de Ourense destina 1,5 millóns de euros para a instalación de canóns de neve artificial en Cabeza de Manzaneda
  • O pleno da Corporación Provincial correspondente ao mes de abril aprobou tamén a adxudicación de material homologado para o Pazo dos Deportes «Paco Paz» para a próxima tempada na ACB
  • Asemade, aprobouse destinar 65.000 euros para a adquisición da biblioteca de Benito Fernández Alonso, e financiar bolsas, por importe de 21.600 euros, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para prácticas de alumnos da Facultade de Medicina de Santiago
  • O pleno aprobou tamén a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe destinar un total de 1,5 millóns de euros para a compra de canóns de neve artificial para a Estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, unha medida contemplada pola institución provincial que forma parte do impulso e a aposta por vertebrar o territorio nunha zona que precisa de especial apoio para o seu desenvolvemento como é a contorna de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa.

Asemade, na sesión plenaria de hoxe, a Corporación Provincial aprobou a adxudicación de material homologado para o Pazo dos Deportes «Paco Paz» para a próxima tempada na ACB, e ditaminou destinar 65.000 euros para a adquisición da biblioteca de Benito Fernández Alonso, acordando tamén financiar cinco bolsas, por importe de 21.600 euros, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para prácticas de alumnos da Facultade de Medicina de Santiago durante o presente curso académico.

O pleno aprobou tamén a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal, órgano europeo que aglutina a rexións e cidades con patrimonio termal, unidas na defensa e posta en valor destes recursos ante a Unión Europea e o resto do mundo, e que constitúe unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a constitución dunha rede de vilas e rexións de recoñecida tradición termal que permita impulsar e salvagardar o termalismo con políticas de promoción e realce creativas e innovadoras.

A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado hoxe foron os seguintes:

Pleno abril 2016 Deputación de Ourense

Pleno abril 2016 Deputación de Ourense

 

APROBACIÓN DA MOCIÓN PARA ESIXIR A DIMISIÓN E REPROBAR AO DEPUTADO IGNACIO GÓMEZ PÉREZ

Acordo:

1-. Esixir a dimisión como deputado de Ignacio Gómez Pérez por utilizar a mentira permanente nesta cámara política.

2-. Reprobar ao deputado Gómez Pérez polo seu labor, actitude e formas indignas da representación política que ostenta.

3-. Dar conta deste acordo ao Concello de Ribadavia, aos grupos políticos desa corporación, e ás entidades culturais, sociais e económicas nese termo municipal.

APROBACIÓN DA RESOLUCIÓN DE RECLAMACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DA RPT DE 2016

Acordo:

1º) Resolver as alegacións formuladas contra a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2016 no sentido seguinte:

a) Desestimar integramente as reclamacións n.º 1, 3, 4, 5, 6.2, 9, 10, 13, 14, 22, 23, 26.1, 26.2, 26.5, 26.6, 26.7, 26.8, 28, 29, 31, 33 e 34.

b) Estimar parcialmente as reclamacións n.º 11, 12, 16, 17, 18, 24, 25, 27 e 30, no senso seguinte:

– Reclamación n.º 11: estímanse no relativo ao factor de dificultade técnica, ao estimarse a reclamación n.º 19. Desestímanse en todo o demais.

– Reclamacións n.º 12, 16, 17 e 18: estímanse as alegacións no relativo ao factor de penosidade e perigosidade, pasando ao grao 3 como o resto de condutores de maquinaria; desestímase en todo o demais.

– Reclamación n.º 24: estímase parcialmente a reclamación, coa creación na Área de Benestar dos seguintes postos, coas súas correspondentes prazas: 1 asistente social, 2 técnicos asesores en desenvolvemento local e recursos europeos, 1 técnico en desenvolvemento de proxectos Informáticos e novas tecnoloxías e 1 técnico especialista en desenvolvemento local.

– Reclamación n.º 25: estímase a reclamación no relativo á valoración dos factores de formación continua e dificultade técnica, desestimándose no que atinxe ao complemento de destino e á responsabilidade.

– Reclamación n.º 27: estímase a reclamación no relativo ao factor de dedicación, desestimándoa no relativo ao factor de responsabilidade.

– Reclamación n.º 30: estímase a reclamación no relativo ao factor de dedicación, desestimándose no relativo ao factor de dificultade técnica.

c) Estimar integramente as reclamacións n.º 2, 6.1, 7, 8, 15, 19, 20, 21, 26.3, 26.4 e 32. A resolución das reclamacións fundaméntase nos motivos e se concretan nos termos que constan na proposta da Presidencia, uníndose o extracto correspondente desta proposta á notificación aos interesados, para os efectos da motivación da resolución.

2º) Aprobar definitivamente a Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2016, conforme co documento aprobado inicialmente no Pleno de 25 de setembro de 2015, coas modificacións recollidas no apartado anterior, ordenando a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación Provincial, e a súa remisión á Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Incorpórase á RPT definitivamente aprobada a modificación 1/2016 da RPT de 2015, unha vez que esta quede aprobada definitivamente.

APROBACIÓN DA DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE RAMIRÁS EN MATERIA DE XESTIÓN RECADATORIA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Ramirás ten atribuídas en materia de recadación da taxa pola subministración de auga, taxa de sumidoiros e depuracións dos usuarios do servizo de abastecemento domiciliario de auga e canon da auga, así como das actuacións pendentes dos últimos catro anos e non prescritas, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 31 de marzo de 2016. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

APROBACIÓN DA RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS NO PARQUE DE BOMBEIROS DA DEPUTACIÓN NO POLÍGONO DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS

Acordo:

1º.- Desestimar a alegación formulada contra a Ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios no parque de bombeiros da Deputación no Polígono de San Cibrao das Viñas, pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, ao considera que a exención solicitada non está xustificada, ao non constar que exista colaboración económica no momento actual da asociación no sostemento do servizo, cuxo custo é soportado exclusivamente pola Deputación Provincial, estimándose a recuperación de custos a través da taxa no redor só dun 10%, e tendo en conta ademais que as taxas do servizo de extinción de incendios será aboadas polas entidades aseguradoras como substitutos do contribuínte.

2º.- Aprobar definitivamente a Ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios no parque de bombeiros da Deputación no Polígono de San Cibrao das Viñas.

3º.- Ordenar a publicación desta ordenanza na forma legalmente prevista para a súa entrada en vigor.

APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO PARA O ANO 2016, N.º 3/2016

Acordo:

Aprobar a modificación de créditos do expediente, 3/2016.

De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.

O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

APROBACIÓN DO REXEITAMENTO DA DELEGACIÓN DE COMPETENCIA EFECTUADA POLO CONCELLO DE MACEDA PARA A DEMOLICIÓN DE EDIFICACIÓN SITUADA NAS LAXAS N.º 5 (MACEDA)

Acordo:

1º.- Rexeitar, polos motivos expostos na proposta da Presidencia que consta no expediente, a solicitude do pleno do Concello de Maceda (NRE 37894) de delegar na Deputación Provincial de Ourense o exercicio das competencias necesarias para proceder á execución da demolición da edificación situada na rúa As Laxas n.º 5 (Maceda), ordenada polo TSX de Galicia en sentenza n.º 534/2011, incluíndo todas as facultades que se precisen para a execución da demolición e, en especial, a reclamación en vía executiva dos custos de demolición ao propietario.

2º.- O anterior acórdase sen prexuízo de que a Deputación lle prestará ao Concello de Maceda a asistencia xurídica e/ou técnica que precise e solicite para levar a cabo a referida contratación das obras de demolición e a execución subsidiaria á que está obrigado pola sentenza n.º 534/2011 do TSX de Galicia.

3º.- Notificarlles o presente acordo aos interesados.

APROBACIÓN DA MOCIÓN A RESPECTO DAS PARCELAS DO PREDIO ANTELA

Acordo:

Que a Deputación de Ourense poña en marcha en 2017 un plan de emprendemento agrario nas parcelas do predio Antela, cunhas bases en concorrencia competitiva, no suposto de descartarse por calquera atranco o Polígono empresarial vencellado ao sector agroalimentario previsto no Plan de mandato Ourense 15-19 ou outras fórmulas de produción agraria que están en fase de estudio polo goberno provincial.

APROBACIÓN DA MOCIÓN A RESPECTO DOS DANOS CAUSADOS POLAS CHOIVAS NA COMARCA DA LIMIA

Acordo:

Instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a avaliar os danos provocados polas choivas na provincia de Ourense e habilitar, en consecuencia, unha orde de axudas para as/os agricultoras/es, facendo especial fincapé nas zonas de especial produción agraria como A Limia.

APROBACIÓN DA ADHESIÓN DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE Á EHTTA (EUROPEAN HISTORICAL THERMAL TOWN ASSOCIATION)

Acordo:

1º.- Solicitar a adhesión da Deputación Provincial de Ourense, como membro asociado, á EHTTA (European Historical Thermal Town Association)

2º.- Manifestar a conformidade desta entidade cos compromisos e obrigacións recollidos nos estatutos desta organización, os cales se aproban de xeito expreso.

3º.- Designar como represente desta Deputación nos órganos de goberno da citada asociación ao Presidente da Deputación ou deputado/a no que este delegue.

APROBACIÓN DA RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS N.º 2/2016

Acordo:

1.- Desestimar as alegacións formuladas polo grupo provincial Democracia Ourensana por tratarse dunha cuestión meramente política e carecer de fundamento xurídico posto que a reclamación formulada non entra dentro de ningunha das causas establecidas no artigo 170.2 da Lei de facendas locais que regula este tipo de reclamacións administrativas

2.- Aprobar definitivamente o expediente de modificación de créditos nº 2/2016 e proceder a súa publicación no B.O.P.

También te podría gustar...