Ingreso mínimo vital e pensións para todas as persoas imposibilitadas para traballar, propostas do BNG
- O BNG propón un ingreso mínimo vital e pensións para todas as persoas imposibilitadas para traballar
- o Noa Presas compartiu con Francisco Jorquera un encontro con xornalistas no que ambos subliñaron que unha soa deputada nacionalista podería ser quen de condicionar as políticas dun novo goberno
Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso do BNG por Ourense, e Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, avanzaron esta mañá durante un café con xornalistas en Ourense algunha das propostas coas que o BNG se presentaría a unha posible negociación para cambiar o goberno en Madrid despois do 26X. “Nós temos claro que a presenza dunha deputada nacionalista podería condicionar as políticas dun novo goberno e por iso dicimos que non imos alí a negociar cadeiras nin carteiras ministeriais”, sinalou Presas. “O BNG xa o fixo, e volvería a facelo, nos primeiros orzamentos de Zapatero éramos chave e fomos quen de que o goberno se comprometera a determinadas inversión para Galiza”.
Noa Presas avanzou algunha das propostas que levaría desde Ourense o día antes de que mañá en Pontevedra o BNG presente seu decálogo de medidas para a reactivación económica de Galiza. Falou de políticas expresadas no programa electoral, como “asegurar a cobertura de desemprego a todas as persoas sen ocupación laboral e implantar un ingreso vital mínimo para todas as persoas que non cobraran ningún tipo de prestación económica”, e referiuse tamén ás pensión, asunto no que o BNG aposta por “implantar unha pensión mínima igual ao SMI, tamén para todas aquelas persoas imposibilitadas para traballar”. Fixo mención Noa Presas tamén á proposta para mellorar o financiamento local e a de contar cunha Facenda galega que xestione a recadación. Despois da polémica no seo do PSdG polo apoio de seu grupo parlamentar á proposta fiscal presentada esta semana polo BNG, Jorquera explicou que “se están facendo interpretacións erradas, se miramos simplemente o caso do imposto de sociedades, vemos como no País Vasco calquera empresa que desenvolva alí parte da súa actividade tributa nos territorios; pero no caso de Galiza, Inditex ou Citroën teñen a sede fiscal en Madrid i é alí onde tributan”.
Jorquera finalizou sinalando que “a independencia a hora de defender os intereses do noso país no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados é incuestionable, tanto coma que sempre o fixemos promovendo políticas de esquerdas. Nunca estivemos supeditados á obediencia a ningún grupo estatal”.
“Esa é unha herdanza da que non renegamos nun tempo político no que se esquece que xa había forzas políticas claramente situadas á esquerda e claramente situadas na defensa de Galiza”, concluíu Noa Presas.