Informados os responsables de Manzaneda da cobertura urbanística para crear un sistema de neve artificial
- A Xunta informa aos responsables de Manzaneda da cobertura urbanística para crear un sistema de neve artificial
- O proxecto ten capacidade para cubrir con 3 capas as 5 pistas de esquí, que abranguen unha superficie total de 115.310 metros cadrados
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo hoxe unha xuntanza cos responsables da empresa que xestiona a única estación de esquí existente en Galicia, emprazada entre os municipios ourensáns de Manzaneda e A Pobra de Trives.
Os responsables da empresa trasladaron os seus plans para facer máis competitivas as instalacións deportivas e de ocio, entre os que destaca dotar á estación de esquí dun sistema de xeración de neve artificial capaz de cubrir con 3 capas as 5 pistas de esquí -que abranguen unha superficie total de 115.310 metros cadrados- a través de 29 innivadores alimentados mediante dúas balsas de auga.
A responsable autonómica, que escoitou de primeira man a proposta, trasladou que o soporte urbanístico que debe dar viabilidade ao proxecto é a tramitación dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.
Concretou que se trata dun instrumento de ordenación do territorio que ten por obxecto regular a implantación territorial de solo destinado a vivendas protexidas, infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal no que se localicen, pola súa magnitude, importancia, demanda social ou especiais características, ou porque se asenten sobre varios termos.
As obras pretendidas abranguen de xeito unitario un proxecto emprazado sobre dous termos municipais, por un lado na parte alta de “Cabeza Grande” (parte alta das pistas), pertencente ao concello de Manzaneda; e por outro lado, no segundo terzo inferior das pistas, pertencente ao concello da Pobra de Trives. Polo tanto, resulta procedente a tramitación dun proxecto sectorial ao abeiro do previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.
A instalación inclúe: innivadores, arquetas, formación de gabias para albergar tubaxes de auga, de aire e canalizacións de control e eléctricas. As dúas balsas de auga estarán intercomunicadas entre si cunha capacidade total de 38.000 metros cúbicos e unha caseta de dúas plantas para albergar a sala de control de bombas e de compresores.